Finalizan os traballos de reparación da cuberta da cociña no Mosteiro de Santa Catalina

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email

As obras recuperaron o estado orixinal da propia cuberta do cenobio anterior á reforma de carácter militar e supuxo o arreglo dunha superficie de 162 metros cadrados.

A maiores do planificado no proxecto inicial, durante a actuación atopáronse elementos con valor patrimonial: letrinas orixinais, un forno ao carón da cambota e a canalización antiga dende os alxibes.

A Concellaría de Urbanismo dirixida por Olimpia Marcos vén de informar do remate das obras que se estaban a acometer na cociña do Mosteiro de Santa Catalina; unha intervención que arreglou o seu tellado, poñendo solución así ás filtracións de auga existentes e permitindo que a cuberta regrese ó seu estado orixinal.

Os traballos que veñen de rematar tamén supoñen unha clara mellora en termos de estabilidade e dignificación do patrimonio arquitectónico do mosteiro, deixando atrás as condición precarias nas que se mantiña a infraestrutura, que incluía partes oxidadas, goteiras ou desprendimentos importantes.

A maiores do arreglo na cuberta das cociñas, que mantén a tipoloxía a dous augas sobre os muros existentes, restaurouse a campá da chimenea da sala principal; levouse a cabo o saneamento da parte exterior do muro mediante un drenaxe que recolle as augas de escorrentía; reparáronse ventás, portas e faltas na fachada do inmoble e eliminouse o muro que dividía a sala principal en dous.

LETRINAS ORIXINAIS E UN FORNO, DESCUBERTOS DURANTE OS TRABALLOS

A rehabilitación que se desenvolveu durante estes meses non só implicou acometer unha mellora fundamental para o cenobio aresán, senón que tamén conlevou a aparición de varios elementos de interese histórico dentro do Mosteiro: especificamente, unhas letrinas orixinais e un forno ao carón da cambota. Ademais, co levantamento do pavimento de formigón, tamén se localizou a antiga canalización de auga procedente dos alxibes, na parte superior.

Con todo, a aparición destes elementos anteriormente nomeados significou un aumento do investimento da obra, inicialmente orzamentada en 131.000 euros asumidos entre o Concello e a Deputación da Coruña, mais que posteriormente incrementou nuns 35.000 euros con cargo ós fondos municipais.

Finalmente, tamén se recuperou parte do pavimento orixinal na zona da cambota e parte do comedor, que inclúe agora unha meseta elevada e unha rampla para a mellora da accesibilidade no espazo. No resto do chan, instalouse formigón pulido.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, aproveitou o remate da obra para facer fincapé en que “esta intervención se suma ós esforzos e obras levadas a cabo polo Concello co mesmo obxectivo de rehabilitación, como é o caso do actual Cabido de Montefaro, a reparación dunha das fachadas do Mosteiro ou as constantes renovacións de ventás por medio dos obradoiros de emprego”.

Asímesmo, Olimpia Marcos contextualizou a intervención coma unha “continuación da liña de traballo que se está a executar na área, toda ela centrada no coidado do noso patrimonio histórico e cultural, en consonancia co Plan Especial de Protección de Montefaro e Punta Coitelada” do Concello de Ares.

Pódeche interesar