A Agrupación Instrutiva de Caamouco presenta o último número da revista A Tenencia

Comparte esta nota de prensa

O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, acudiu onte ata a Agrupación Instrutiva de Caamouco para participar na presentación do volume 9 de A Tenencia, a revista de estudos locais que impulsa a asociación para recompilar a memoria de Ares, divulgala e coidala.

No acto de presentación, o coordinador da revista Ernesto López Naveiras, debullou as circunstancias de creación e edición da publicación, coa colaboración do Concello de Ares e a Deputación da Coruña para materializala, e no que houbo tempo para que os articulistas desgranasen algún dos seus contidos.

A novena edición da revista permite ollar, a través de textos que exemplifican o fondo rigor científico e o laborioso proceso de investigación detrás das súas pezas, o interior de casas modernistas aresáns; acceder a unha panorámica sobre a salazón da vila ou mesmo coñecer o que se agocha no bosque fósil de Seselle.

Así, constátase como A Tenencia afonda nas orixes de Ares, na súa historia de migración, progreso social e loita pola democratización da educación, como ben fixeron os indianos. E agora xa está accesible á veciñanza este traballo que contribúe á edificación dunha memoria colectiva da vila.

Pódeche interesar