As celebracións centrais terán lugar nas instalacións da Alianza Aresana os días martes 25 e xoves 27 de abril, con propostas co foco posto nos máis pequenos, pero tamén nos adultos.
A diversión dará comezo o martes ás 18:00 horas cun contacontos titulado “Aitana e a Avoa e outros contos violetas”, unha experiencia especialmente deseñada para nenos e nenas dos 3 anos en adiante e o público familiar en xeral. Trátase dun espectáculo co que os nenos e nenas mergullaranse nun mundo de cancións e xogos da tradición oral que dormen escondidos na memoria das nais e avoas, narradas da man de Soraya Lema. A entrada para esta actividade é libre e de balde.
O xoves, tocaralle a quenda ás manualidades cun divertido obradoiro do Día do Libro. Haberá dous grupos dispoñibles: un para nenos e nenas de 5 a 6 anos ás 16:30 horas, e outro para idades de 7 a 12 anos ás 18:00 horas. Neste caso, para a participación nos talleres requirirase inscrición previa a través da páxina web municipal, baixo o custe de 4 euros.
A semana dedicada á literatura e a lectura culminará o venres 28 coa entrega de premios do III Concurso de Microrrelatos de Escritura Creativa, organizado pola concellaría de Cultura en colaboración co CPI As Mirandas. Será un momento para recoñecer o talento literario da mocidade do municipio e premiar aos gañadores a través dunha cerimonia especial.
Pero iso non é todo. Durante toda a xornada de hoxe luns, a Biblioteca Municipal unirase á celebración coa entrega de doces e agasallos a todos os usuarios que asistan, brindando un toque simbólico a esta data tan significativa, que conmemora a contribución dos libros e a lectura á nosa cultura e civilización.
Enlace para apuntamentos nos obradoiros de manualidades: https://forms.gle/hS1WD46UcHncjVfZ6