A subdelegada puxo en valor o labor de Caridade Nieto, Beatriz Martínez e María Serrano, que desenvolveron un programa de actividades atractivo para promover novos hábitos de lectura na veciñanza de todas as idades do municipio
María Rivas destacou que a iniciativa da Biblioteca Municipal de Ares forma parte dos 370 proxectos premiados en España e é un dos cinco na provincia da Coruña, entre os que se atopan as bibliotecas de Miño, Ortigueira, Carballo e Oleiros
A Biblioteca Municipal de Ares xa fora recoñecida co premio “María Moliner de Animación á Lectura” en anos anteriores
A subdelegada do Goberno, María Rivas, na súa visita a Ares desprazouse ata a Alianza Aresana para felicitar ás traballadoras da Biblioteca Municipal polo seu intenso traballo na promoción da lectura nos veciños e veciñas que residen no municipio, tras ser recoñecida co Premio María Moliner de Animación á Lectura.
A subdelegada puxo en valor o labor do persoal do equipo bibliotecario, composto por Caridade Nieto, Beatriz Martínez e María Serrano, que desenvolveron unha programación de actividades atractiva para a veciñanza, promovendo novos hábitos de lectura nos nenos e nenas e nas persoas maiores do municipio. “Se hai un concello que ten ben merecido este premio é Ares, por toda a actividade cultural que desenvolve ao longo do ano: unha actividade na que esta biblioteca ten un papel importantísimo” expresou Rivas
María Rivas destacou que a iniciativa da Biblioteca Municipal de Ares forma parte dos 370 proxectos premiados en toda España e é un dos cinco premiados na provincia da Coruña, entre os que se atopan a Biblioteca Municipal Concepción Arenal de Miño, a Biblioteca Municipal de Ortigueira, a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo e a Biblioteca Central Rialeda de Oleiros. Ademais, este ano a biblioteca de Ares obtivo a mellor puntuación da provincia e posicionouse no terceiro lugar a nivel galego.
O proxecto presentado pola biblioteca e galardoado co premio María Moliner titúlase “Ares, un mar de actividades”, e pon en valor a historia da localidade de Ares recorrendo a súa rica tradición mariñeira e pesqueira cun xogo de palabras, o cal fai referencia ao gran tamaño do mar para describir a inmensidade de actividades que ofrecen para todos os públicos. Desta forma, o proxecto leva a cabo iniciativas como contacontos, clubs de lectura, encontros con autores, celebración de datas literarias e culturais, así como manualidades e talleres, entre outras moitas.
A Biblioteca Municipal de Ares foi recoñecida por sexta vez co premio “María Moliner de Animación á Lectura” na súa XXIII edición. Anteriormente, obtivo o galardón 5 veces, nos anos 2016, 2017, 2020, 2021 e 2022 con proxectos que presentaban distintas temáticas, como pode ser o poder curativo da lectura ata render homenaxe á historia do edificio da Alianza Artesá, que é onde se atopa a biblioteca de Ares, e vén de cumprir o seu 119 aniversario.
María Rivas tamén quixo poñer en valor o esforzo constante do Goberno pola Cultura, que vén demostrado por este premio que permite que “calquera persoa, viva no lugar que viva, poida ter acceso aos libros. E neste sentido as bibliotecas públicas son esenciais”
O premio “María Moliner de Animación á Lectura” é un recoñecemento ao labor desenvolvido por bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes polo seu papel na promoción da lectura e a animación cultural dirixidos a toda a veciñanza, especialmente a colectivos con dificultades para o acceso á lectura, en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma.
Ademais do premio, a subdelegada avanzou que este recoñecemento do Goberno vai acompañado dunha achega económica de 2.777 euros destinada á compra de libros para ampliar o catálogo do centro.