O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, e José Montero Vilar, secretario do Club de Remo local, presentaron esta mesma mañá a ‘Bandeira de Bateis Concello de Ares’, unha inminente cita deportiva para que os seareiros saian á rúa a desfrutar do talento dos remeiros e remeiras, con presenza de clubes da provincia de A Coruña e Lugo como parte da Zona Norte.
Aproveitando o acto de presentación deste evento inscrito na Liga Galega de Bateis, as autoridades debullaron a súa información organizativa básica: celebrarase este sábado, 22 de febreiro, a partir das 10:30 horas na rampla grande da localidade, no propio paseo marítimo, participando nela as categorías base –alevíns, infantís, cadetes e xuvenís–, a sub-23 e a senior nas modalidades femenina e masculina.
Tanto Concello como Club convidan á veciñanza e interesados polo remo a acudir á Bandeira, sobre todo polo atractivo que supón a cita, ao celebrarse dentro da ría e poder ver o desempeño das crianzas de preto, co “orgullo que supón para familias, afeccionados e os propios deportistas”.
Unha bandeira para que todo o mundo goce do remo, en todos os niveis, categorías e idades. Hai canteira, hai bravura xabrenta!