- Antonio Blanco Carballo, autor do volumen, e Julio Ignacio Iglesias, alcalde de Ares, conversarán sobre esta publicación que aborda unha temática fundamental na memoria da comarca.
- Será o vindeiro venres, 14 de novembro, a partir das 19:30 horas.
A Concellaría de Cultura vén de desvelar o próximo acto que se promoverá nas instalacións da Alianza Aresana: trátase da presentación de ‘Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal’, un libro escrito por Antonio Blanco Carballo tomando como base unha coidada documentación, un conxunto de entrevistas e unha revisión de fotografías históricas.
O propio Antonio Blanco conversará co alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, o vindeiro venres, 14 de novembro, a partir das 19:30 horas, nun acto no que se debullará esa memoria colectiva e histórica que debe ser lembrada e posta en valor, chave para toda a comarca.
Ademais, durante o acto entregarase un exemplar do libro, editado polo Ateneo Ferrolán co apoio da Deputación da Coruña, a cada asistente, coma forma de contribuír á divulgación histórica da temática.

