As obras no interior e exterior da edificación veñen de finalizar nestes últimos días, terminando co estado construtivo primitivo que amosaba o espazo.
Interviuse nos teitos, na pavimentación do chan, nas fachadas, na pista exterior e tamén no sistema de acondicionamiento ambiental, entre outros elementos, executando un orzamento de 290.041,24 euros.
A Concellaría de Urbanismo vén de informar hoxe do remate dos traballos de reforma do local de Seselle, adecuándoo e adaptándoo para o seu uso sociocomunitario.
A intervención dotou a todo o edificio de dúas salas de emprego múltiple, ascensor e baños con ducha incluídos, amais de mellorar gran parte dos elementos do edificio: chan, teito, fachada, paredes, sistema de acondicionamento ambiental… Deixáronse atrás os interiores inacabados e as súas escasas instalacións.
O local rehabilitado, unha referencia en Seselle polo uso lúdico e social que se lle daba nas celebracións festivas e no día a día, achegarase ás persoas maiores, á mocidade, á veciñanza en xeral para que teñan un lugar de referencia para o ocio e o esparcimento. Na súa transformación, foi chave a cesión do espazo por parte da sociedade veciñal, xunto coa fórmula de investimento obtida polo Concello de Ares, recibindo 290.041,24 euros do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
No tocante ao último aspecto, Ares foi un dos 9 concellos de toda Galicia cuxos proxectos resultaron seleccionados para beneficiarse dun instrumento de cooperación da Xunta que permite devolver o orzamento executado ao longo de oito anualidades sen ningún tipo de xuro.
A selección de Ares coma unha destas 9 administracións galegas beneficiarias realizouse a partir do interese do proxecto e a acreditación do cumprimento dos requisitos fiscais esixidos pola Xunta.