- Abril Camino —Premio Xerais 2025—, Mav Alonso —Premio Círculo Rojo á mellor Novela Romántica 2024— e Rocío M. Bouzón —tamén poeta e bookstagramer con varias novelas dentro da literatura romántica— achegaranse até Ares para compartir as súas visións sobre o xénero literario.
- O salón de actos da Alianza Aresana acollerá o faladoiro o vindeiro mércores, 11 de febreiro, a partir das 17:30 h., con entrada libre. A iniciativa encádrase no programa ‘Perspectivas literarias’ que impulsan a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña e a Asociación Galega de Escritores e Escritoras (AGER).
Un encontro entre tres autoras galegas para debullar a súa visión da novela romántica e das temáticas que se poden desenvolver dentro dela: esa é a proposta que achega ‘O amor e as súas perspectivas’, un faladoiro literario impulsado pola Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, a Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AGER) e a Concellaría de Cultura de Ares.
Así, o vindeiro 11 de febreiro a partir das 17:30 h., estarán no salón de actos da Alianza Aresana (Rúa María, 11) a coruñesa Abril Camino, actual gañadora do Premio Xerais 2025 con Mulleres que viven xuntas e cunha longa carreira no eido da novela romántica; Rocío M. Bouzón, poeta, autora de prosa e bookstagramer de Vilarmaior que profundiza no amor propio de xeito intimista no seu último poemario, Rnacer; e Mav Alonso, escritora viguesa caracterizada pola mestura do xénero do thriller e romántica nas súas novelas, amais de gañadora en 2024 do Premio Círculo Rojo á mellor Novela Romántica con La herida que merezco.
Dende a experiencia traballando con diferentes formatos, transitando da poesía á novela, as tres autoras afondarán nas posibilidades expresivas e creativas que brinda o xénero a día de hoxe, mais tamén nas temáticas que se poden tratar a través del como o feminismo, as novas identidades ou a saúde mental.
Ademais, o faladoiro manterá dinámicas participativas para que toda aquela veciñanza asistente poida introducirse no diálogo e formular as súas inquedanzas ás participantes.
PERSPECTIVAS LITERARIAS: UN PROXECTO DE FOMENTO DA LECTURA
Este encontro que terá lugar o 11 de febreiro en Ares encádrase baixo a actividade ‘Perspectivas literarias’ que impulsan a Biblioteca da Deputación da Coruña, a propia institución provincial e a Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AGER) dende o pasado xaneiro até xuño.
A través desta proposta cultural, dinamízanse media ducia de bibliotecas da provincia da Coruña, entre elas a aresá, procurando fomentar a lectura entre o público adulto e xuvenil cun diálogo directo entre lectores e autores que narran dende Galicia.
Cada un dos faladoiros do programa xira en torno a un tema de actualidade social vinculado coa obra literaria dos escritores participantes, como pode ser a migración, os problemas sociais, a identidade de xénero… e busca un “novo xeito de achegar novas voces e descentralizar a cultura”.

