O Belén de O Tilo: máis de 25 anos de traballo, ilusión e detallismo

Comparte esta nota de prensa

Inaugurado xa esta fin de semana pasada, a recreación da asociación cultural aresán perdura no tempo coa mirada posta nos máis pequenos: en facer que desfruten e lembren a experiencia visitando a instalación.

A partir de agora e até o 8 de xaneiro, poderase acudir ao Belén de luns a domingo, de 16:30 a 20:00 horas, agás os días de Noiteboa, Nadal, Fin de Ano, Aninovo e o día de Reis (incluíndo a súa véspera).

Sacalo adiante é un reto: ano tras ano, e promovendo a súa constante transformación, a asociación cultural O Tilo dispón dunhas 300 figuras na súa sede, na rúa María da Avenida Federico García Expósito, para facer realidade un Belén hebreo xa tradicional tanto en Ares como na comarca. Un Belén que se inaugurou o pasado venres, coa presenza das concelleiras Victoria Montenegro e Noelia Montero, pero tamén dos voluntarios de O Tilo, os responsables de que a iniciativa se materialice na localidade.

O Belén hebreo do Tilo, con máis de 50 metros de exposición, sempre está en evolución. Así o admite a presidenta desta asociación cultural, María del Mar Bujones, sobre un Nacemento que xa dende novembro recibe algunhas reservas de colexios e centros de día para visitalo. Coma mostra do seu crecemento, dende o 2017, pandemia mediante, o Belén pasou dunhas 200 figuras ás case 300 da actualidade, 36 delas móbiles e moitas procedentes de tendas especializadas de Valencia ou Murcia. Nesta anualidade, a maiores de novas pezas, tamén se ampliou o río.

Mais todos estes cambios e melloras se executan cunha idea clara: a de manter a esencia e o detallismo da súa parte hebrea, o que implica desbotar factores climatolóxicos como a neve ou as tormentas e buscar o maior coidado nas figuras e nos actos que realizan, que deben estar en coherencia co tempo que se representa.

Para organizalo, María del Mar Bujones contextualiza o método: existen unha serie de escenas fixas, como é a recreación da Anunciación (sempre diante) ou o Misterio (sempre no medio) e outras escenas móbiles, unha sorte de bloques de traballo con figuras asociados a eles: a vendimia, a labranza da terra, os profesionais da época e os seus fogares… esas son as que se desprazan pola mesa que amosa o Nacemento.

O Belén pode visitarse dende xa até o domingo, 8 de xaneiro, de 16:30 a 20:00 horas, agás datas concretas: a Noiteboa, o Nadal, Fin de Ano, Aninovo, véspera de Reis e a xornada de Reis como tal. Porén, existe a posibilidade de visitas concertadas, principalmente para grupos, a través do teléfono 669 404 425 e o correo electrónico sceltilo@gmail.com, en horarios de mañá.

UN BELÉN “LÚDICO” E PARA OS PEQUENOS

Preguntada ante as motivacións que a levan a seguir adiante cunha proposta con máis de 25 anos de vida, María del Mar Bujones, que leva 16 anos dentro da entidade, é clara: “O Belén é para os nenos; eles son os que teñen que vivilo e desfrutalo”. A cercanía coas familias pero, sobre todo, coas crianzas supón para ela un dos factores diferenciais do Belén aresán, no que se coida a diversión dos máis pequenos e se fomenta a súa curiosidade polo Nacemento.

Precisamente involucrar ós máis pequenos na confección do Belén é un dos retos da asociación, e tamén un desexo persoal de María del Mar Bujones; que a ilusión por crear un Belén así poida transmitirse a novas xeracións que garantan a súa perdurabilidade no tempo, xusto como levan facendo os voluntarios da asociación cultural O Tilo.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,