O programa municipal de sendeirismo promoverá unha saída até Laxe, na Costa da Morte, de 18 quilómetros, durante a xornada do domingo, 26 de maio. Corresponde co último percorrido na tempada outono-primavera.
Habilitarase un prazo de inscrición para empadroados/as en Ares dende mañá, 30 de abril até o 3 de maio, abrindo e pechando a reserva na mesma franxa horaria: 18:00 h. Posteriormente, haberá unha segunda quenda para os non empadroados/as.
A Concellaría de Deportes vén de anunciar a posta en marcha do proceso administrativo da última ruta do SendAres, o programa municipal que aúna senderismo e exploración de patrimonio natural, na súa modalidade de inverno-primavera. Deste xeito, mañá, martes 30 de abril, abrirase a inscrición telemática do noveno percorrido ao longo da tarde (18:00 horas) e a través da páxina web institucional (www.concellodeares.gal) para os empadroados/as en Ares.
Nesta ruta guiada, os sendeiristas percorrerán un tramo (Laxe-Arou) do xa coñecido ‘Camiño dos Faros’, un itinerario que se achega a calas, praias e impresionantes paisaxes mariñas, atravesando áreas rochosas e coa posibilidade de culminar nun dos faros máis coñecidos da Costa da Morte: o Cabo Vilán.
A iniciativa desenvolverase durante a xornada do domingo, 26 de maio, cunha distancia de 18 quilómetros e unha dificultade MEDIA. O prezo ascende a 30 euros e inclúe servizo de guía, seguros e transporte de ida e volta dende Ares. O autobús sairá ás 08:00 horas e chegará ao núcleo da vila ás 18:00 h., aproximadamente, dende o punto de encontro habitual: a Praza da Igrexa do municipio.
A Concellaría de Deportes asignou 25 prazas para a actividade, que se cubrirán por orde de inscrición, sendo primeiro o prazo para os empadroados/as no municipio aresán até o 3 de maio ás 18:00 horas e, dende o 3 de maio en adiante, os non-empadroados/as.