O Concello abrirá ao tráfico a rúa Real este martes e continuará as obras no tramo da rúa María entre a Peixaría Mares e a Alianza Aresana

Comparte esta nota de prensa

Os traballos avanzan segundo o previsto dentro do proxecto integral de renovación de servizos e pavimentos impulsado pola área de Urbanismo

O Concello informa de que este martes quedará reaberta ao tráfico a rúa Real, unha vez completadas as actuacións previstas neste punto no marco das obras de mellora integral da rúa María.

De xeito paralelo, os traballos continuarán avanzando no seguinte tramo da intervención, polo que permanecerá pechada á circulación a rúa María entre a peixaría Mares e a Alianza Aresana. Deste modo, a actuación continúa progresando de forma gradual para minimizar, na medida do posible, as molestias á veciñanza e á actividade comercial da contorna.

As obras forman parte do proxecto impulsado pola Concellaría de Urbanismo para renovar os servizos urbanos e os pavimentos desta vía, cun investimento total de 331.564,01 euros financiado entre o POS+2025 da Deputación da Coruña e fondos municipais.

A intervención contempla a renovación completa da rede de saneamento, a implantación dunha rede separativa de augas pluviais e melloras na drenaxe, así como actuacións sobre o alumeado público e as telecomunicacións. Ademais, renovarase a pavimentación e humanizarase a contorna da Praza do Pozo, favorecendo unha convivencia máis amable e segura entre peóns e vehículos.

Dende a área de Urbanismo agradecen a comprensión da veciñanza durante o desenvolvemento das obras e lembran que estas actuacións permitirán contar cunha rúa máis accesible, moderna e adaptada ás necesidades actuais do casco urbano.

Pódeche interesar