A área municipal de Urbanismo informou hoxe sobre a adxucación da obra para a dotación dun parque infantil completamente novo que substituirá ao existente na zona do Porto, no núcleo urbano da localidade.

A concelleira Olimpia Marcos comunicou a finalización do procedemento de contratación, que dará paso ao próximo inicio dos traballos.

A actuación que se levará a cabo conta cun orzamento total de 53.909,27 euros, incluíndo o IVE. Os fondos para este investimento proveñen dunha axuda solicitada polo Concello á Dirección Xeral de Administración Local, concedida por importe 37.736,46 euros, e unha contribución de 16.172,81 euros provenientes das arcas municipais.

O proxecto inclúe a substitución dos xogos existentes por outros novos e actualizados, así como a instalación dunha estrutura cuberta que abarcará gran parte do parque.

Esta nova estrutura, feita de madeira e cun teito transparente, será a primeira do seu tipo en todo o municipio. Isto permitirá que o parque poida ser utilizado mesmo en condicións climáticas desfavorables, como días chuviosos, proporcionando tamén sombra durante períodos asollados e con altas temperaturas.

Ademais da instalación da pérgola e os novos elementos de xogo, o proxecto contempla outras importantes melloras, como a renovación do chan, a instalación de novas luminarias, a colocación dun peche perimetral de madeira ao redor de todo o recinto, así como a disposición dun banco e unha papeleira. Con estas accións, completarase a renovación integral da infraestrutura do parque.