Este verán tamén haberá dúas novas áreas municipais de estacionamento no núcleo urbano de Ares e unha redución das zonas azuis -de pago- próxima ó 50 %.
O acceso ós areais de Chanteiro, O Raso e Seselle eliminará as restriccións impostas no seu momento polos condicionantes sanitarios.
Dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto, Ares porá en marcha o sistema de regulación do tráfico rodado en período estival co obxectivo de ordenar de maneira segura e racional as superficies susceptibles de aparcamento nunha época de intensa ocupación. Porén, o inicio deste verán trae novidades ao respecto tendo en conta a situación actual do municipio.
O principal cambio afecta ó número de zonas brancas no núcleo urbano, aquelas que son de uso xeral, gratuíto e sen restricións horarias, que se verán aumentadas ata acadar aproximadamente as 800 prazas, unhas 100 máis con respecto ó ano pasado.
A maiores, esta ampliación compleméntase coa adecuación que realizou o Concello de dúas novas áreas de estacionamento público e gratuíto, de tal maneira que haberá un total de 6 parkings no casco urbano, xunto co que se sitúa na entrada á vila (6+1), achegando unha oferta de 520 prazas de emprego libre.
Pola súa banda, a zona verde –aquela designada para os vehículos con IVTM en Ares– manterase nas principais rúas da localidade con 540 prazas a tal uso, de cara a promover unha convivencia o máis óptima posible nun período de alta demanda.
No tocante á zona azul, que obriga á reserva previa e o pago, aplicarase unha redución do seu número, que pasará das aproximadamente 300 prazas na anualidade previa ás 165 actuais, limitándose ó arredor da praia do Xuncal e do Petelo (contorna do Club de Remo de Ares).
O procedemento para a reserva das prazas será telemático, a través de www.aparcares.com, cunha taxa de 1 euro por cada franxa horaria habilitada: haberá dúas horas de pago pola mañá -de 11:00 a 13:00- e outras dúas pola tarde -de 17:00 a 19:00 horas-.
LIBRE ACCESO NAS PRAIAS DE SESELLE, O RASO E CHANTEIRO
Dentro das novidades neste sistema de regulación, tamén se establece o acceso libre nos areais de Chanteiro, O Raso e Seselle, despois dos cambios estipulados na normativa da covid-19. Así mesmo, a área de Redes, con moito tránsito tamén durante o verán, atópase pendente do reordenamento do tráfico rodado