Baixo o marco do proxecto “Ares Descobre”, realizarase de cada itinerario un track completo que estará disponible no perfil de Wikiloc municipal, xunto con diferentes contidos asociados aos puntos máis relevantes dos percorridos.
Nas últimas xornadas iniciouse o proceso de entrevistas aos informantes, que darán as claves para crear o relato sobre o que se fundamentarán as rutas.
O Concello vén de arrancar esta semana coa principal actividade inscrita no proxecto “Ares Descobre”: a elaboración de dúas rutas vinculadas á historia e ó eido mariñeiro da localidade. Estes novos itinerarios estableceranse de forma permanente na web municipal, accesibles en calquera momento, e contarán cun track completo en Wikiloc, a plataforma de almacenamento de rutas ao aire libre, para que todas as persoas interesadas en aprender máis sobre o patrimonio litoral de Ares, tanto material coma inmaterial, poidan seguilas e desfrutalas.
Nestes días, arrancaron as entrevistas con figuras vencelladas ó eido histórico, patrimonial ou turístico de Ares, ben dende o oficio que desempeñan cada día, ben dende a súa vinculación académica ou social. Este proceso de selección e recollida de información a través das entrevistas será a base para configurar os relatos que nutrirán de contidos ás rutas; testemuñas que serven de orientación e que, na súa maior parte, tamén estarán accesibles na web municipal en forma de pequeñas pílulas audiovisuais, reforzando as fontes de información existentes na actualidade para entender o pasado e presente do territorio aresán.
Entre as persoas entrevistadas recentemente atópase Sara Martínez, técnica de turismo durante este período estival na oficina municipal, mais tamén pertencente a unha familia mariñeira en activo. Durante a conversa, Sara destacou, por exemplo, a importancia de visibilizar a cultura mariñeira que forma parte da historia da vila, máis aínda tendo en conta o papel de Ares coma un dos principais portos de salgadura a nivel galego.
Este novo proxecto, denominado como “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio natural e mariñeiro do concello de Ares. Ares Descobre” é unha iniciativa impulsada municipalmente co financiamento do GALP Golfo Ártabro Norte e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).