Os traballos, cun investimento total de 44.405,22 euros co apoio de AGADER para o seu financiamento, concluíron esta semana, incorporando un novo aglomerado asfáltico.
“Despois de urbanizar o Camiño de Maiobre, en Lubre, sumamos agora esta segunda intervención máis recente de mellora dos viais municipais. E non é a última, pois xa se están licitando os traballos nos camiños de A Pena, A Louseira e Os Castros”, resalta Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, vén de supervisar hoxe o remate das obras de mellora do Camiño de Barracido a San Xoán de Piñeiro, un proxecto que se estaba a acometer para reforzar a seguridade do vial renovando a súa pavimentación.
De feito, gran parte da superficie do camiño presentaba irregularidades, con baches e un desgaste severo, atascos nas cunetas, problemas no mantemento… un conxunto de deficiencias que xa se deixan atrás grazas a esta intervención, fundamentada nunha mellora das comunicacións nesa contorna.
De xeito específico, limpáronse as marxes da vía, despexáronse e abríronse as cunetas e aplicouse un aglomerado asfáltico quente de 6 cm de espesor. Asimesmo, reacondicionáronse as bocas dos pozos de saneamento.
O investimento total foi de 44.404, 22 euros asumidos entre AGADER (37.317,54 euros) e os fondos do propio Concello (7.087,68 euros).
FORTE DISTRIBUCIÓN DE RECURSOS NA MELLORA DE VIARIOS MUNICIPAIS
Aproveitando a súa visita a Barracido, Olimpia Marcos puxo en contexto estes traballos co resto de intervencións feitas ou a piques de acontecer na vila co mesmo obxectivo: materializar melloras en camiños municipais.
“A esta última obra sumamos a urbanización do Camiño de Maiobre, en Lubre, que rematou este mesmo verán, un proxecto no que se aplicou tanto un novo tratamento de aglomerado asfáltico como de limpeza de cunetas”, destacou a concelleira de Urbanismo. No caso deste vial en Lubre, supoñía o acceso principal ao núcleo de Maiobre, e logrou mellorar tanto o firme existente como a canalización das augas pluviais que deterioraban o asfalto.
“Mobilizamos case 70.000 euros nos traballos de Maiobre, asumidos entre o Concello e a Deputación, e seguiremos apostando por distribuír recursos neste esforzo continuo pola mellora de viais e aglomerados en Ares. De feito, xa están licitados novos traballos nos camiños municipais de A Pena e A Louseira, en Cervás, e Os Castros cun importe próximo aos 114.000 euros, tamén co apoio do POS+2024 da Deputación”, concluíu Olimpia Marcos.