O Concello conclúe coas actuacións destinadas a minimizar perdas de auga potable e reducir infiltracións na rede de saneamento

Comparte esta nota de prensa

  • As obras incluíron novos sistemas de lectura telemétrica, fundamentais para garantir unha xestión municipal da auga máis eficiente ao incorporar datos de medición que incrementan a precisión e a calidade de seguimento dos consumos.
  • Supuxeron un investimento total de 117.733, 45 euros, IVE incluido, asumido entre Augas de Galicia e a institución aresá.

 

A Concellaría de Urbanismo que dirixe Olimpia Marcos vén de anunciar a finalización das dúas intervencións que se estaban a executar co foco posto en mellorar a xestión municipal da rede de saneamento e abastecemento no núcleo urbano de Ares.

As obras orientáronse a, por unha banda, reducir as posibles perdas de auga potable, racionalizando os consumos e os datos de subministro, e pola outra solventar as infiltracións detectadas na infraestrutura de saneamento municipal.

No relativo á intervención sobre as perdas de auga, a mellora que vén de materializarse involucrou a renovación de 82 contadores en vivendas domésticas, cambiadas por orde de antigüidade de cara a instalar un equipo de medición de caudal máis eficaz, cun sistema telemétrico.

Ademais, tamén se realizou unha sectorización da rede municipal na Avda. Federico García Expósito, no cruce co Camiño de Pedrós, incorporando novos contadores xerais para obter datos en tempo real sobre o consumo da veciñanza e contribuír á identificación de zonas con posibles fugas.

Esta primeira actuación partiu dun orzamento de 66.577, 89 euros45.000 euros de Augas de Galicia e 21.577,89 euros do Concello— e permite avanzar na telexestión da rede de auga potable, un proceso que se leva implementando en Ares ao longo dos últimos anos, renovando contadores domiciliarios progresivamente. De feito, dende 2024, xa son máis de 1.500 contadores renovados no municipio, precisando as lecturas do consumo.

INSTALACIÓN DUNHA SEPARATIVA DE PLUVIAIS E FECAIS

A segunda intervención impulsouse na rúa Cirilio Pérez, na contorna das denominadas como Casas Baratas, para subsanar as infiltracións de augas brancas nas canalizacións de fecais, optimizando a súa xestión.

A maior parte da obra centrouse na renovación da infraestrutura de saneamento, ao mesmo tempo que se xerou unha separación da rede de augas pluviais e fecais; unha actuación que, en esencia, permite non perder recursos depurando posteriormente unha auga de choiva que xa é de por si limpa, e que sen a rede separativa remataría no tanque de tormentas sito no parque Rosalía de Castro.

Esta segunda intervención mobilizou 51.155,56 euros repartidos entre as arcas municipais (6.155,56 euros) e Augas de Galicia (45.000 euros), impostos incluídos.

 

 

Pódeche interesar