Mañá, ás 18:00 horas na Casa da Xuventude, producirase a inauguración oficial da exposición coa presenza de Alma Barrón, concelleira de Cultura, e Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa ferrolán.
Dende o próximo luns, 19, até o 29 de febreiro, a veciñanza poderá gozar desta recompilación de grandes momentos sociais, políticos e culturais capturados a través da óptica de grandes profesionais da fotografía galega.
Todo listo para que aterre na Casa da Xuventude de Ares unha nova edición de “Galicia en Foco”, un conxunto de instantáneas que poñen en valor o traballo dos profesionais da comunicación, e especificamente dos fotoxornalistas, na cobertura dos principais eventos sociais, culturais e políticos do territorio galego. A colección fotográfica inaugurarase mañá, 16 de febreiro, ás 18:00 horas, coa presenza das representantes dos dous axentes involucrados: Alma Barrón, edil de Cultura, por parte do Concello, e Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa de Ferrol.
Toda vez fique inaugurada, esta 32ª edición de Galicia en Foco estará dispoñible no último andar da Casa da Xuventude dende o luns, 19 de febreiro, até o último día deste mes, o xoves 29, en horario de 10:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 19:00 h.
Entre as instantáneas, a veciñanza atopará ás dos gañadores do propio certame fotográfico do Club de Prensa de Ferrol: a serie de Miguel Muñiz “Prestige, vinte anos despois”, amosando os rostros dos homes e mulleres que exemplificaron a loita de toda a sociedade contra o chapapote, e a fotografía de Xoán A. Soler, que expón a convivencia e pugna dunha familia contra a esclerose múltiple e as súas consecuencias.
Será unha oportunidade excelente para realizar unha viaxe fotoxornalística a través de momentos de interese informativo, pero sempre con Galicia no centro coma protagonista e desde ópticas singulares, pois supón unha selección das mellores miradas de fotógrafos e fotógrafas nos medios de comunicación galegos.
A iniciativa desta exposición itinerante naceu en Ferrol en 1989 coma o primeiro movemento fotográfico dende a comarca para toda a Comunidade Autónoma, avalada en toda a súa dimensión polos máis de 250 reporteiros que acudiron ás súas convocatorias.