O Concello de Ares acaba de recibir unha subvención de 13.499,50 euros para a instalación dunha pantalla dixital que ofrecerá información turística e de interese para os visitantes e veciños do municipio. A axuda económica concedida permitirá sufragar a práctica totalidade da instalación, que supón un investimento de preto dos 15.000 euros.
A subvención conseguida, solicitada polo Concello a Turismo da Xunta a través dos Fondos Europeos Next Generation, dentro da liña de axudas para actuacións de trasición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral, permitirá a Ares contar cunha pantalla interactiva na súa fachada marítima, concretamente nas inmedaciones do Parque Rosalía.
Esta iniciativa impulsada desde o Concello ten como obxectivo mellorar a experiencia do turista e dos veciños, así como seguir impulsando a dixitalización turística do municipio.
Segundo consta na memoria de características técnicas, a pantalla interactiva a instalar será de tecnoloxía led dixital dunhas dimensións de 2×2 m, con capacidade de emitir información procedente de múltiples fontes informativas e de promoción con vídeo e imaxe, ademais de dispoñer de control interactivo desde pantalla externa táctil dixital. A pantalla irá montada sobre un poste de aceiro inoxidable de 2,8 m, incluída a cimentación.
A pantalla dixital proporcionará información detallada sobre os lugares de interese de Ares, como os seus edificios históricos, monumentos e roteiros turísticos, así como sobre as praias, a oferta gastronómica, os aloxamentos e os servizos dispoñibles no municipio. A interface intuitiva e fácil de usar permitirá aos visitantes planificar o seu itinerario no municipio de maneira eficiente.
Ademais da información turística, a pantalla tamén ofrecerá información útil para os veciños, como a axenda de eventos, consultas meteorolóxicas e teléfonos importantes.
A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, indicou que “a instalación desta pantalla non só mellorará a experiencia do turista e dos veciños, senón que tamén contribuirá a un turismo máis sostible, reducindo o uso de papel e diminuíndo o tempo de espera para obter información.”
A concelleira de Turismo destacou a importancia da dixitalización turística para o desenvolvemento sostible do municipio e expresou a súa satisfacción pola obtención da subvención para a instalación desta pantalla dixital. Segundo ela, “este dispositivo permitirá aos turistas e veciños acceder a información de maneira rápida e sinxela, mellorando a súa experiencia no noso municipio”. “En definitiva, a instalación desta pantalla dixital é un recurso turístico sostible e avanzado que permitirá aos visitantes e veciños gozar dunha experiencia turística completa en Ares, consolidando o municipio como un destino turístico de calidade e sostible”.
A pantalla dixital é só una das iniciativas turísticas levadas a cabo polo Concello de Ares no ámbito da dixitalización, que tamén instalou desde a área de Cultura códigos QR en varios puntos do municipio para proporcionar información sobre o patrimonio indiano ou a implatación dixital impulsada desde a área de Deportes cos roteiros de sendeirismo municipais.