O Concello fai un chamamento á responsabilidade cidadá para protexer a saúde visual, previr incendios e favorecer unha mobilidade segura durante este fenómeno astronómico.
O Concello de Ares vén de poñer en marcha unha campaña informativa dirixida á veciñanza co obxectivo de garantir unha observación segura da vindeira eclipse solar, un acontecemento astronómico que atraerá a numerosas persoas a distintos puntos do municipio.
A iniciativa pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia de adoptar medidas de autoprotección e prevención que permitan desfrutar deste fenómeno con todas as garantías de seguridade, tanto desde o punto de vista da saúde visual como da protección do medio natural e da seguridade viaria.
Entre as principais recomendacións, o Concello lembra que a observación do Sol só debe realizarse mediante lentes homologadas que cumpran coa norma ISO 12312-2:2015, verificando sempre a súa autenticidade e o seu bo estado de conservación. Así mesmo, advírtese de que as lentes de sol convencionais non protexen fronte á radiación solar e que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen a protección adecuada.
Do mesmo xeito, incídese en que está totalmente desaconsellado utilizar teléfonos móbiles, cámaras fotográficas, prismáticos ou telescopios para observar a eclipse sen dispoñer dos filtros solares específicos homologados conforme á norma ISO 12313-2:2015, xa que poden producir danos oculares irreversibles.
O Concello fai tamén un chamamento á responsabilidade das familias e das persoas coidadoras para supervisar en todo momento aos menores de idade e ás persoas con discapacidade ou en situación de dependencia, garantindo que empreguen correctamente os sistemas de protección durante toda a observación.
Ademais das recomendacións relativas á protección ocular, a campaña lembra a conveniencia de utilizar crema solar, gorra e roupa axeitada para evitar os efectos da exposición prolongada ao sol durante as horas de espera.
No ámbito da prevención de incendios forestais, o Concello solicita a máxima colaboración cidadá para evitar situacións de risco. En particular, lémbrase que está prohibido estacionar vehículos sobre vexetación seca, nas beiravías ou en zonas non habilitadas, xa que a elevada temperatura dalgúns compoñentes dos automóbiles pode actuar como foco de ignición. Así mesmo, é fundamental manter libres as pistas forestais e os accesos empregados polos servizos de emerxencia, facilitando a súa intervención en caso de necesidade.
A campaña recorda igualmente a prohibición de facer lume e de abandonar residuos ou materiais susceptibles de favorecer a aparición de incendios, facendo un chamamento ao compromiso colectivo na conservación do patrimonio natural do municipio.
En materia de seguridade viaria, o Concello insiste na importancia de non consumir bebidas alcohólicas se se vai conducir un vehículo ou unha embarcación e recomenda planificar os desprazamentos con antelación para evitar retencións e facilitar a mobilidade.
Por outra banda, tamén se aconsella manter baixo control os animais de compañía, xa que a diminución repentina da luminosidade provocada pola eclipse pode alterar o seu comportamento e ocasionar situacións de estrés, desorientación ou fuxidas.
Desde o Concello de Ares anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a vivir este acontecemento astronómico de maneira responsable, respectando en todo momento as recomendacións de seguridade e colaborando para que a xornada se desenvolva con total normalidade.
Toda a información relativa ás medidas de prevención e ás recomendacións para unha observación segura estará dispoñible nas canles oficiais do Concello de Ares.

