Durante toda esta semana, Madrid acolle a celebración da Feira Internacional de Turismo, unha cita anual chave para a dinamización deste sector e o posicionamento de novos destinos. E Ares tamén está presente na programación deste evento con relevancia en todo o mundo.
Ata Madrid desprazáronse nestes días a concelleira de Cultura, Alma Barrón, e a edila de Turismo, Lucía Blanco, para formar parte da delegación do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, mantendo encontros con operadores nacionais e representantes doutras administracións públicas, de cara a tecer novos lazos e proxectos comúns co foco posto na promoción turística aresá.
Dentro da actividade de FITUR, este mesmo mércores, 22 de xaneiro, Ares participou no evento de presentación de ‘Turismo responsable en Ferrolterra’, o acto de promoción impulsado pola Mancomunidade de Concellos da nosa comarca para reivindicar a práctica turística slow e petfriendly do xeodestino Rías Altas.
A maiores, o Concello ten o seu propio espazo de difusión na ‘Revista Turismo’ da Deputación da Coruña, facendo fincapé na oferta da vila cos seus roteiros sendeiristas, os paseos a bordo do M. Presas e unha natureza de gran beleza, sen esquecerse do valioso patrimonio indiano do municipio.