O Concello dinamizará o consumo de proximidade cunha nova edición do MercAres

Comparte esta nota de prensa

A campaña de fomento das compras na hostalería e comercio local regresará á vila do 1 de decembro ao 31 de xaneiro con 91 negocios aresáns coma participantes.

Nesas datas, a institución aresá distribuirá 5.000 euros en forma de vales-rasca repartidos polos negocios adheridos á campaña.

A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, presentou esta mañá na casa consistorial a quinta edición do MercAres, unha iniciativa de dinamización do consumo de proximidade e fortalecemento dos vínculos entre os comercios locais e os veciños e veciñas aresáns.

Lucía Blanco contextualizou a campaña municipal como “unha forma de apoiar ao noso tecido comercial tanto dende a institución como dende a veciñanza. Buscamos incentivar a compra nos negocios da contorna máis próxima precisamente en datas de moito consumo”. Para logralo, o Concello mobilizará 5.000 euros en premios distribuídos en 281 vales-rascas con importes que van dos 5 euros aos 500 euros, sendo éste o gran premio do MercAres 2024-2025, ao contar cun só vale asignado con esa contía.

Deste xeito, cada compra nalgún dos 91 establecementos adheridos á campaña outorgará aos clientes un destes vales-rascas, brindando a oportunidade de resultar agraciado e gastar posteriormente a cantidade recibida nalgún dos locais participantes, que van dende a hostalería ou perruquerías a negocios de alimentación, servizos ou comercio de subministros básicos.

O único a ter en conta se se resulta agraciado é a data de caducidade dos vales: a partir do 30 de abril de 2025 xa non se poderán intercambiar nos establecementos do MercAres.

A maiores de debullar en detalle esta información, a concelleira Lucía Blanco tamén fixo fincapé na importancia de “axudar a construír na vila formas de consumo circulares e solidarias, impulsando ao comercio local, unha peza fundamental da nosa vida diaria en Ares. Ese é o principal motivo polo que celebrar e participar ano tras ano no MercAres”, declarou.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado