O Concello implementará un programa de compostaxe doméstica para toda a veciñanza

Comparte esta nota de prensa

O Concello anuncia a posta en marcha dun programa de compostaxe doméstica para toda a veciñanza, co obxectivo de colleitar e transformar os residuos de alimentos en compost, un recurso valioso para a agricultura e a ecoloxía. Para iso, distribuiranse 44 composteiras individuais e construiranse 2 áreas de compostaxe comunitaria no municipio.

Este proxecto representa un investimento de 31,944.00 euros para as anualidades 2023-2024, financiado polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea (NextGenerationEU), ademais do propio Concello.

Na fase inicial, instalaranse 44 composteiras individuais en vivendas rurais con parcelas de polo menos 25 m2. Para as urbanizacións sen parcelas suficientes, construiranse dúas áreas de compostaxe comunitaria durante 2023-2024, coa intención de expandir o programa nos anos seguintes para cubrir aproximadamente o 30% das vivendas rurais, o que se traduciría na instalación de 210 composteiras.

A concelleira de Medio Ambiente, Lucía Blanco, resaltou a importancia deste proxecto, que “involucra á comunidade local na xestión sostible de residuos e contribúe á protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático”.

Lucía Blanco explicou que o obxectivo do Concello é alcanzar aproximadamente o 30% das vivendas rurais nos próximos anos, considerando que na zona rural de Ares, cunha poboación de 2,033 persoas, existen ao redor de 780 vivendas. “O obxectivo final é a instalación de 210 composteiras nuns poucos anos”, sinalou Blanco. “Nas anualidades 2023-2024, preténdese involucrar a un total de 44 familias coa instalación de composteiras individuais, ademais de 55 familias das urbanizacións do municipio a través das áreas de compostaxe comunitaria. Ao final da anualidade de 2024, implicaranse a 300 habitantes da zona rural e as urbanizacións do municipio mediante as instalacións efectuadas”.

A edil detallou que o proceso de solicitude para as composteiras individuais abrirase próximamente mediante unha convocatoria pública, priorizando ás familias que residan en vivendas illadas con parcelas de polo menos 25 m2. En caso de solicitudes similares, darase prioridade a aquelas que sexan residencias habituais e que involucren a un maior número de habitantes. Para as áreas de compostaxe comunitaria, abrirase unha convocatoria específica dirixida exclusivamente a urbanizacións do municipio.

Lucía Blanco subliñou que o programa tamén inclúe un compoñente educativo, cun total de 88 accións de formación individuais planificadas, ademais de 6 accións formativas colectivas e material didáctico complementario, para garantir que as familias participantes utilicen as composteiras de maneira efectiva. Espérase que aproximadamente o 92% das composteiras produzan compost nuns cinco meses tras a súa instalación.

Este programa non só fomenta prácticas máis sostibles na xestión de residuos, senón que tamén contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Segundo un estudo específico, a compostaxe pode reducir as emisións en aproximadamente 2.19 toneladas ao ano en Ares.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,