O Concello impulsa a mellora da comunicación viaria entre o Castelo da Palma e as antigas baterías militares de San Martiño

Comparte esta nota de prensa

  • Veñen de arrancar uns traballos centrados na execución dun novo sistema de drenaxe transversal, a instalación dunha barreira rústica para protección peonil e a reconstrución do firme mediante unha solución integrada paisaxisticamente na súa contorna.
  • A actuación conta cun orzamento de 48.400 euros aproximadamente, co apoio económico da Deputación da Coruña.

 

A Concellaría de Urbanismo vén de informar do comezo da mellora das comunicacións no vial histórico que se estende entre o Castelo da Palma e as antigas baterías militares que se situaban nas proximidades de Punta San Martiño.

Trátase, en esencia, dun proxecto destinado a recuperar as condicións de seguridade dun itinerario patrimonial e paisaxístico moi transitado tanto por veciñanza coma por visitantes e sendeiristas.

A intervención contempla, ademais das necesarias rozas e retiradas de vexetación, a execución dun novo sistema de drenaxe transversal mediante un paso salvacunetas, a instalación dunha barreira rústica de protección lateral integrada na paisaxe, de cara a evitar caídas cara ás cotas inferiores do litoral, e a reconstrución do firme, moi deteriorado, empregando unha base compactada, xeotéxtil e cun pavimento terrizo de xabre granítico e cemento.

Este conxunto de actuacións impactarán nun treito de 75 metros de lonxitude con áreas erosionadas, acumulación de sedimentos, problemas de drenaxe e presenza de lameiros, de tal xeito que se porán fin a estas problemáticas para garantir unha mellora do tránsito peonil e do acceso de vehículos de mantemento ou de emerxencias, de precisarse.

Con todo, o proxecto en si mantén solucións que respectan o valor patrimonial e ambiental deste vial de carácter histórico, que forma parte do sistema defensivo da ría de Ferrol coñecido como o ‘Triángulo de fogo’, servindo de conexión entre postos de vixilancia, fortificacións e elementos militares da costa. Por iso mesmo os traballos evitan solucións asfaltadas ou urbanas, co foco posto en manter unha estética máis integrada paisaxisticamente.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, salientou que “esta nova intervención se suma a outras xa materializadas en eidos semellantes, impulsando a comunicación viaria e os accesos: melloramos a subida dende o convento de Santa Catalina ás baterías da Bailadora e tamén dende o camiño de Salgueiras ata as do Segaño, facendo realidade actuacións centradas na dignificación deste patrimonio de orixe militar”.

O investimento previsto ascende a 48.400 euros, impostos incluídos, co apoio financeiro da Deputación da Coruña.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.