O Concello impulsará unha xornada divulgativa para analizar o impacto da violencia de xénero o 25N

Comparte esta nota de prensa

  • O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Alianza Aresana será epicentro dun conxunto de conferencias e mesas redondas con expertas de diferentes eidos, dende o traballo social até o enfoque máis xurídico.

 

Ares transformarase un ano máis nun espazo para o diálogo e a reflexión arredor da violencia de xénero, e será grazas á organización da xornada ‘Contornas de coidados, espazos de risco: violencia de xénero na práctica profesional’ que promoven a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) municipal.

Esta iniciativa volve un ano máis ao municipio para traer á Alianza Aresana a expertas e expertos centrados nesta temática social con 4 charlas e 1 mesa redonda ao longo do 25 de novembro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Hoxe mesmo fíxose público todo o programa desta xornada, no marco do acto de presentación realizado esta mañá no consistorio de Ares e que contou coa presenza de Victoria Montenegro, concelleira de Igualdade e Benestar, e das súas compañeiras do equipo de goberno, as edís Lucía Blanco e Olimpia Marcos.

Dende o Concello enfatizaron a relevancia de contar cun evento “con capacidade de analizar unha problemática tan relevante para a nosa sociedade coa fondura que precisa”. Desta volta a xornada divulgativa achegará unha visión sobre o traballo dos coidados no contexto galego, aplicando una panorámica sobre os seus espazos de risco, mais sen esquecer as ferramentas e mecanismos de prevención da violencia de xénero.

Así, perfís profesionais como traballadoras sociais, expertas en igualdade, asesoras xurídicas, doutoras en socioloxía e mesmo xuízas pensarán conxuntamente a situación actual da violencia de xénero tanto de mañá como de tarde.

O programa principiará a partir das 10:30 h., coa inauguración instituconal, e a asistencia é totalmente de balde; só precisará inscrición previa para facilitar a organización e loxística vía telemática na seguinte ligazón: https://gplus.typeform.com/to/YG8RMBUN.

Esta xornada impulsada polo Concello de Ares recibiu o Premio ao Impulso á formación de diferentes axentes no IX Concurso de Boas Prácticas Locais contra a violencia sobre as mulleres da FEMP e a Delegación do Goberno de España.

 

Pódeche interesar