O Concello inicia as obras para a recuperación do camiño de as Salgueiras en Chanteiro

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Urbanismo anunciou o inicio dos traballos para a recuperación do camiño das Salgueiras. Segundo explicou a concelleira Olimpia Marcos, esta obra trátase dunha “importante intervención que embelecerá o litoral da enseada da praia de Chanteiro e permitirá a conexión entre o areal e o centro histórico das baterías da punta do Segaño”.

O Concello sufrafará as obras cunha subvención por importe de 71.990,39 euros procedente de Turismo da Xunta, a través dos Fondos Next Generation. Con esta axuda, levará a cabo a execución do proxecto, que supón un investimento total de 79.989,32 euros, cubrindo os fondos municipais o importe restante.

En canto aos aspectos técnicos, o proxecto contempla dous tramos. O primeiro tramo, de 240 metros de lonxitude e 4,5 metros de ancho, requirirá un tratamento de rego reparador. O segundo tramo, unha senda peonil de 480 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho, construirase utilizando un pavimento de terra estabilizada e aproveitando a pedra da zona, creando unha base drenante natural. Ademais, ao longo desta senda instalaranse bancos e papeleiras cada 50 metros para disfrutar da vista ao mar.

Pódeche interesar