O Concello instala 3 minipuntos limpos no núcleo urbano de Ares

Comparte esta nota de prensa

Atópanse operativos dende o comezo desta mesma semana na Praza da Igrexa, na Praza da Porta do Sol e na rúa da Franxa. Supoñen unha mellora do sistema de reciclaxe e tratamento de residuos da vila, ampliada progresivamente a través doutros servizos coma o punto limpo móbil e as campañas de composteiros.

Para materializalos, a administración local recibiu unha subvención do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

Ares xa conta dende o inicio desta semana con novos elementos para reforzar o proceso de reciclaxe e tratamento de residuos na súa contorna municipal. A Concellaría de Medioambiente vén de informar da instalación de tres minipuntos limpos fixos na Praza da Igrexa, Praza da Porta do Sol e rúa da Franxa, un mobiliario que permite depositar material escolar, pilas e baterías, cartuchos de impresora, cápsulas de café e plástico ou pequenos dispositivos electrónicos coma mandos ou cargadores.

A edil de Medioambiente, Lucía Blanco, supervisou o estado dos 3 minipuntos e salientou que a súa instalación supón “aumentar a infraestrutura medioambiental que estamos incorporando paulatinamente no municipio dende o Concello. Xa dispoñemos destes puntos fixos, pero tamén o punto limpo móbil que percorre cada semana a localidade e unha rede de 70 composteiros, a piques de ser ampliada aínda máis”.

Todo este equipamento público mellora o tratamento e aproveitamento dos residuos xerados pola veciñanza no seu día a día, sempre promovendo a corresponsabilidade de tal xeito que tanto institucións coma cidadanía poidan xogar un papel chave na procura da sostibilidade e a mitigación do cambio climático.

Os 3 minipuntos fixos contaron cun investimento de 11.890 euros, impostos incluídos, asumidos nun 90 % polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea e o importe restante, polas arcas municipais.

NOVO CONVENIO CON SOGAMA

Ao mesmo tempo que se completaba a instalación dos minipuntos, a Concellaría de Medioambiente tamén desvelou outra nova vencellada directamente coa reciclaxe en Ares: “formalizamos un segundo convenio con SOGAMA que nos permitirá realizar outra quenda de entrega de composteiros entre a veciñanza, tendo en conta que xa hai unha listaxe de agarda de veciños e veciñas interesados neles”.

Deste xeito, o Concello achegará 25 novos composteiros para instalar nos fogares familiares, elevando o número dos 70 actuais aos 95 composteiros, practicamente unha centena de puntos para a autoxestión da materia orgánica en vivendas domésticas.

Pódeche interesar