Nestes últimos días aprobáronse en Xunta de Goberno local as bases que regulan as condicións do procedemento de adxudicación, tamén publicadas onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
A persoa adxudicataria dos postos abonará 30 euros ao mes, 60 euros ao ano por auga e outros 118 euros anuais pola luz.
No marco da liña de traballo centrada na posta en valor do mercado municipal, o Concello vén de aprobar as bases de licitación para a explotación de tres postos: os números 6, 7 e 8, libres na actualidade. Toda persoa interesada na súa xestión ten vinte días naturais dende onte, data da publicación das bases no BOP, para a presentación de ofertas.
As propostas deberán presentarse a través do Rexistro Xeral do Concello en horario de luns a venres ou, se é o caso, por correo electrónico ou ordinario, acreditando o resgardo correspondiente de remisión, xunto coa data de imposición de envío na Oficina de Correos, e anuncialo o mesmo día ó órgano de contratación.
Na solicitude, deberase indicar a actividade que se pretende desenvolver no posto no caso de resultar adxudicatarias, pois esta non poderá coincidir con ningunha das que se están a desenvolver na actualidade nos postos activos: freiduría/bar, peixaría, venda de produtos gourmet e ultramarinos.
No tocante aos prezos mensuais, e ata que non se aprobe a ordenanza municipal fiscal na que se inclúan novas taxas, as persoas adxudicatarias aportarán 30 euros ao mes, xunto co recibo anual do lixo, 60 euros/ano pola auga e 118 euros/ano pola luz.
As concesións realizaranse por 10 anos (7 con posibilidade de prorrogalos 3 anos máis) e poderán realizarse a cargo do adxudicatario as obras de acondicionamento necesarias para a utilización do posto, así como as instalacións precisas para o exercicio da actividade, sempre e cando obteñan autorización municipal previa. Sexa coma for, nin as obras nin as instalacións poderán supor alteracións da fisonomía ou estrutura inicial do posto.