O Concello presenta a nova edición do Ares Indiano para viaxar un ano máis ao pasado da vila

Comparte esta nota de prensa

Representantes institucionais desvelaron o cartel deste ano, mais tamén adiantaron algunhas novidades da programación que se materializará no municipio durante a fin de semana do 16, 17 e 18 de agosto.

Concerto de Sés, arte en directo coas acuarelas de Blanca Escrigas ou o XXXVII Rallie Teresa Herrera de automóbiles históricos, entre algúns dos destaques do evento.

Manterase a oferta de roteiros guiados por Cayetano Lledó, as rutas en barco e bus histórico ou a grella de relatorios e actos culturais que afondan na memoria colectiva da migración.

A vila aresá prepárase para viaxar no tempo nunha das súas citas máis importantes de todo o ano: o Ares Indiano 2024. A concelleira de Cultura, Alma Barrón, e a edila de Turismo, Lucía Blanco, presentaron esta mañá na Alianza Aresana a nova edición deste evento referencial na comarca polo seu carácter transversal: non só implica unha caracterización do municipio enteiro e un atractivo turístico, senón que tamén se estructura como un esforzo continuado por coidar a memoria colectiva no que atinxe ao seu pasado de migración.

No acto realizado na casa consistorial, os representantes institucionais desvelaron o cartel deste ano, mais tamén puideron dar máis detalles da programación e novidades que haberá ao longo dos días 16, 17 e 18 de agosto, un fin de semana enteiro para mergullarse na historia dos e das migrantes aresáns.

De cara a contextualizar a oferta deste Ares Indiano, Alma Barrón adiantou “que manteremos todo o que funciona edición tras edición: as sesións de teatro, as rutas en bus histórico, en barco e a pé, estas últimas guiadas por Cayetano Lledó, ademais das principais exhibicións e clases de baile”.

Asimesmo, “o Ares Indiano manterá o seu espíritu de descentralización, de tal xeito que expandimos a festa máis aló do núcleo urbano da vila, con programacións en Cervás ou Redes”.

Música da man de Sés e La Quinta Máquina

As melodías que se escoitarán nesta edición mesturarán os ritmos alén do mar co blues, rock e a tradición galega. Será grazas á participación de La Quinta Máquina, que achegará a música sudamericana con sintonías modernas, e a cantautora galega Sés, unha das principais voces musicais do panorama de Galicia.

Xunto a eles, o Ares Indiano tamén contará cun abano de espectáculos das agrupacións musicais da vila, así como grupos de veciñanza como Son de Troula ou Sabor a Sal, dende Cervás, compartindo unha forma particular de gozar da festa nas rúas aresáns.

Relatorios, arte e automóbiles históricos

Barrón fixo fincapé nos eventos de corte cultural que se promoverán, como é o caso da presentación do Premio de Novela Curta Alén Concello de Ares 2024, que ten como obxectivo contribuír á xeración de obras literarias vencelladas á migración, mais tamén a presentación da edición facsimilar ‘Treinta y nueve años de mi vida’.

E a isto sumaranse relatorios como o de Daniel Vázquez Vila e Violeta Ramos sobre as escolas da emigración, exposicións centradas en Delfín Vázquez, o retratista dos indianos, e recreacións como a que se fará na Alianza Aresana dunha aula de época.

Mais o literario ou o divulgativo veranse complementados polas mostras artísticas de Blanca Escrigas, que reproducirá en directo e en acuarela escenas do evento, ou o obradoiro demostrativo dun torcedor de puros profesional, dúas novidades do Ares Indiano á que se suma unha terceira: o XXXVII Rallie Teresa Herrera de automóbiles históricos, con 30 vehículos, que rematará na localidade.

Coma broche final, tamén haberá espazo para a comida, degustando bocatas criollos con pan, chorizo e chimichurri da man do Club de Remo de Ares. Unha programación completa para somerxirse na memoria da vila e no seu pasado que se desvelará na súa totalidade nos próximos días.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado