O Concello presenta o IV Plan de Igualdade para o período 2022-2026

Comparte esta nota de prensa

O documento configúrase coma unha guía operativa que fortalece a perspectiva de xénero na actividade da institución local, incluíndo 5 áreas estratéxicas de traballo e 38 medidas específicas a adoptar.

Todo o grupo de goberno local presentou esta mesma mañá o IV Plan de Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Ares, acompañados polo director do Centro de Información á Muller (CIM), facendo público un documento fundamental para coordinar a acción da institución en materia de igualdade de xénero nos próximo catro anos.

O Plan, aprobado unanimemente en sesión plenaria por todos os representantes municipais, enténdese coma un recurso que favorece o pleno exercicio dos dereitos das mulleres e o seu acceso en condicións á vida social, laboral, educativa, cultural e económica de Ares. Trátase, en síntese, dunha folla de ruta que ten en conta as necesidades de cada departamento municipal e a súa capacidade real para a transversalización da igualdade de xénero.

5 áreas estratéxicas e 38 medidas específicas de traballo

Para a elaboración deste IV Plan de Igualdade, partiuse de cinco áreas estratéxicas de traballo que inclúen 12 obxectivos principais asociados a estas:

  • ÁREA 1: Perspectiva de xénero na administración local, con medidas relacionadas coa posta en marcha ou a mellora de ferramentas que procuran a igualdade de xénero na actividade da institución.
  • ÁREA 2: Participación activa das mulleres, con iniciativas de inclusión centradas na conxunción de esforzos entre o Concello e o tecido civil.
  • ÁREA 3: Educación en igualdade, poñendo o foco nunha formación de calidade que procure o acceso igualitario tanto a mulleres coma homes.
  • ÁREA 4: Acceso en igualdade ao mercado laboral, buscando mellorar a empregabilidade das mulleres en Ares.
  • ÁREA 5: Fomento dunha sociedade libre de violencias machistas, promovendo a prevención e a eliminación de violencias no Concello de Ares.

Mais esta análise interna e estratéxica non fica só aí, senón que vai da man das 38 medidas prácticas, consensuadas cos departamentos municipais, que se propoñen dentro do documento, involucrando ao persoal na execución das accións.

No tocante ó proceso de deseño do plan, dende o inicio o Concello e o CIM de Ares tiveron coma obxectivo resaltar as diferenzas históricas entre homes e mulleres, enfatizando a evolución da loita pola igualdade neste último tempo, pero tamén o camiño que queda por percorrer. Por iso a estética e o documento falan do Ares do século pasado dende unha perspectiva multisectorial; un Ares dende o eido laboral, educativo ou social que continúa na senda cara a igualdade de xénero.

IV_PIOM_2022-2026 en pdf

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado