O Concello promove o I Concurso de Deseño do cartel do Ares Indiano

Comparte esta nota de prensa

A institución local convida a deseñadores, artistas e creadores que residan en Galicia a remitir as súas propostas gráficas deste evento lúdico-cultural que se celebrará durante o verá na vila aresá.

Establécese un único premio para a persoa gañadora de 500 euros, tendo como prazo máximo ata o 10 de maio de 2025, inclusive, para remitir entre 1 e 2 deseños do cartel vía e-mail. A temática será libre, mais sempre tendo en conta o espírito do evento: servir de homenaxe á cultura e a instrución indianas, de forte pegada no municipio.

A Concellaría de Cultura vén de anunciar a organización do I Concurso de Deseño do cartel do Ares Indiano, un certame artístico para seleccionar a creatividade que anunciará a oitava edición deste evento lúdico-cultural que se celebrará os días 22, 23 e 24 de agosto de 2025.

Coa publicación das bases, a área de Cultura detallou algún dos aspectos máis relevantes da iniciativa, que ten coma obxectivo estimular a creatividade dos artistas galegos participantes, amais de fomentar a difusión do Ares Indiano, sendo o cartel a peza máis visible en todas as accións de comunicación do evento.

Convídase así a artistas, deseñadores gráficos e creadores en xeral, residentes en Galicia e maiores de idade, a participar na primeira edición do concurso presentando un máximo de 2 deseños. A temática, estilo e técnica serán libres, aínda que o resultado se adecuará ás características e idiosincrasia do evento indiano, que se celebra ano tras ano cunha clara vontade de homenaxear á cultura e a instrución indianas.

Nas obras que se presenten si que deberá figurar, de forma ben visible, o seguinte texto:

 

VIII ARES INDIANO

22, 23 e 24 de agosto de 2025

 

Asimesmo, deberase contar cun espazo libre para a posterior inserción dos logotipos institucionais e privados que sexan necesarios, deixando no deseño unha banda inferior de 5 cm de alto para tal fin, e permitindo que a composición poida adaptarse a formatos publicitarios (roll-ups, mupis, dípticos, prensa, etc.) en horizontal e vertical.

O certame contempla un premio único de 500 euros e terá aberta a súa recepción de obras até o 10 de maio de 2025, inclusive, habilitando o correo electrónico aresindiano@concellodeares.com para o envío das composicións gráficas, xunto cun documento asinado polo autor con información persoal e unha breve explicación do deseño do cartel.

As bases completas do concurso, que sairán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial Provincial (BOP), xa están dispoñibles na web municipal www.concellodeares.gal para toda persoa interesada en sumarse.

 

BASES DO I CONCURSO PARA A SELECCIÓN DO CARTEL ANUNCIADOR DO ARES INDIANO

Pódeche interesar