- O servizo de conciliación laboral e familiar do Concello activará o proceso de reserva de prazas o luns, 12 de maio ata o martes, 30 deste mes, habilitando a opción de achegar a documentación no Departamento de Servizos Sociais de Ares ou por rexistro electrónico na web institucional, concellodeares.gal.
A Concellaría de Igualdade e Benestar vén de informar do comezo das inscricións para o ConciliAres, o servizo municipal de conciliación que se impulsa ano tras ano durante os meses de xullo e agosto, entendéndoo como a principal ferramenta para axudar aos proxenitores no coidado dos nenos e nenas.
Así, dende este vindeiro luns, 12 de maio, e ata o martes, 30 do mesmo mes, as persoas interesadas poderán formalizar as súas inscricións para participar no programa.
O ConciliAres está conformado por un programa lúdico-educativo destinado a crianzas de entre 3 a 12 anos, con actividades de ocio e tempo libre que inclúan formación, diversión e espíritu convivencial. O servizo de conciliación conta cun conxunto de requisitos para poder acceder a el e que establecen unha listaxe de prioridades:
- Crianzas empadroadas no Concello de Ares con ambos proxenitores traballando.
- Nenos e nenas empadroados cun informe previo dos Servizos Sociais.
- Nenos e nenas NON empadroados e sen ningún proxenitor traballando en Ares, no caso de non cubrir as prazas ofertadas.
Cada quincena terá 40 prazas con varios tramos de cotas en función da renda mensual dos solicitantes, aínda que o prezo máis alto do servizo será de 100 euros polo mes completo para empadroados e 130 euros no caso dos non empadroados.
Nas bases reguladoras do ConciliAres tamén se estipulan bonificacións no prezo dun 30 % para as crianzas pertencentes a familias numerosas e descontos da mesma porcentaxe dende o segundo irmán que participe na actividade.
Os nenos e nenas que se sumen á iniciativa incorporaranse a un conxunto de sesión interactivas que procuran favorecer a creatividade e o fomento das habilidades sociais e de comunicación entre iguais, incluíndo actividades ao aire libre, o coñecemento da natureza e mesmo do patrimonio local de Ares. Nesta anualidade, o CPI As Mirandas será o edificio no que se centralizará o ConciliAres.
Para formalizar a inscrición, entregarase toda a información requirida nas bases do servizo no Departamento de Servizos Sociais de Ares, organismo encargado da súa xestión e coordinación, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou por rexistro electrónico na web municipal.
ACCESO ÁS BASES COMPLETAS: https://concellodeares.gal/bases-do-servizo-municipal-de-conciliacion-laboral-e-familiar-conciliares-2025/