Apertura do prazo para a solicitude de luminarias en San Xoán e San Pedro

Comparte esta nota de prensa

Segundo o bando municipal publicado este día 10 de xuño onde se establecen as condicións para a realización das fogueiras populares nas noites de San Xoán e de San Pedro, hoxe mesmo, venres 12, principia a recollida de solicitudes empregando o modelo da instancia-comunicación que se facilita no Rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica.

Neste documento figurarán os datos relativos á persoa responsable (en todo caso maior de idade), o seu teléfono de contacto, o lugar onde se pretende celebrar, e as condicións que se expoñen a continuación:

  • O/a solicitante que asina a instancia será o/a responsable do cumprimento destas normas e de que a zona onde se autoriza estea, ao día seguinte, en axeitadas condicións de limpeza e orde, tal e como se atopaba anteriormente.
  • O volume do combustible da fogueira non superará en ningún caso os 3 metros de altura nin os 8 de perímetro.
  • A separación da fogueira con respecto de edificios ou árbores será, como mínimo, de 15 metros.
  • En ningún caso se situarán as fogueiras debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de edificacións, bodegas ou almacéns de ningún tipo.
  • Prohíbese expresamente a queima de plásticos, aceites, pneumáticos, espumas de poliuretano, recipientes que conteñan ou puideran conter líquidos ou gases (sprays) aínda que estean baleiros, e, en xeral, calquera outra substancia que poida desprender fume tóxico.
  • As fogueiras poderán ser prendidas entre as 20:00 horas do día 23 ata as 01:00 horas do día 24 de xuño, e entre as 20:00 horas do día 28 ata as 01:00 horas do día 29 de xuño.
  • Queda terminantemente prohibida a realización de fogueiras en calquera tipo de vía pública pavimentada, parques, xardíns ou zonas verdes en xeral.
  • Nas praias, só se poderán prender naqueles lugares especialmente sinalizados e acotados, e non se poderán comezar a preparar as fogueiras antes das 5 da tarde. Non se permite cubrir os restos da fogueira con area.
  • Diante de calquera incidencia deberán informar o máis axiña posible aos servizos de emerxencia, ben a través do teléfono 112, ou ben directamente á Policía Local (629 078 961) ou Protección Civil (696 035 224).

Podes consultar o bando completo na seguinte ligazón: 2026-BANDO MUNICIPAL-FOGUEIRAS SAN XOAN E SAN PEDRO

EN PDF: SOLICITUDE DE PERMISO PARA REALIZAR FOGUEIRAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO 2026

Pódeche interesar