O municipio de Ares encara esta semana de febreiro co foco posto na conmemoración do Día de Rosalía, unha efeméride que lembra a relevencia da poeta galega na sociedade de hoxe e festexa o seu aniversario de nacemento un 23 de febreiro de 1837.
E para celebrar a autora máis universal das letras galegas, impulsora do Rexurdimento da literatura de Galicia, o Concello organiza dúas programacións de carácter cultural nos vindeiros días.
A primeira delas será este xoves, 20 de febreiro, ás 16:30 horas nas instalacións da biblioteca municipal. Trátase do obradoiro ‘Mariquita Rosaliana’, unha sesión onde se confeccionará a figura de Rosalía recortando e logo pegando diferentes prendas típicas da vestimenta da época. O obradoiro destínase a crianzas de 8 a 12 anos e precisará de reserva previa a partir de hoxe, luns, 17 de febreiro, na Biblioteca Municipal de Ares.
A segunda proposta polo Día de Rosalía encherá de música o salón de actos da Alianza Aresana. O 24 de febreiro a partir das 18:00 horas, María Faltri porá voz, pandeireta e guitarra á obra da poeta en ‘Os Cantares de Rosalía’, unha sesión para gozar da poesía e das palabras. Toda unha viaxe emocional a modo de espectáculo e sincera homenaxe orientada a público familiar.
A programación está inscrita no marco do programa ‘Ler conta Moito’.