Nesta fin de semana, a veciñanza puido achegarse á particular mirada e obra artística de Joaquín Rojo Seijas, ‘Quinín’, grazas á exposición instalada na Agrupación Instrutiva de Caamouco, coa colaboración do Concello, e inaugurada o sábado entre os representantes da asociación e a edila de Cultura, Alma Barrón.
Houbo a posibilidade de contemplar cadros e láminas dun home, Quinín, que aínda pervive no imaxinario dos veciños e veciñas da parroquia, máis aínda tendo en conta que se cumpriu o 90 aniversario do seu nacemento.
Xunto coa exposición pictórica, a Agrupación tamén promoveu unhas xornadas que incluíron un obradoiro infantil, a proxección dun documental e un faladoiro sobre o traballo artístico de Joaquín Rojo no contexto das vangardas europeas, afondando así dende unha perspectiva completa na lembranza do veciño.
Quinín foi, sobre todo, un gran amante da arte e do seu territorio, que pintou unha e mil veces ao longo da súa traxectoria cun estilo tremendamente persoal e característico.
Bo orador e xeneroso, preocupado pola aprendizaxe artística, a política ou a filosofía, en conmemoración da súa figura tamén se pode encontrar a Horta de Quinín nunha parcela que el mesmo deixou en herdanza á Agrupación.