O Mosteiro de Santa Catalina acollerá esta semana a presentación de “En la falda de la bailadora”, un libro para recuperar parte da memoria de Ares

Comparte esta nota de prensa

O acto celebrarase o sábado, 18 de febreiro, ás 18:30 horas, coa participación do alcalde da localidade, Julio Iglesias, e representantes da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina.

A obra, publicada ao abeiro da colaboración permanente coa Deputación da Coruña, garda dentro do seu texto as mencións á receita gastronómica do millo corvo co que se elaboraba o doce da Roda de Santa Catalina; un millo que se intenta recuperar dende o Concello coma parte da identidade aresán.

Unha descrición detallada de actividades lúdicas e festivas de Ares; unha representación do acervo cultural da parroquia de Cervás; un libro que axuda a recuperar a Roda de Santa Catalina, a torta elaborada polos frailes do Mosteiro de Santa Catalina co característico millo corvo, en camiño de recuperación polo Concello na contorna da edificación de orixe relixioso.

As tres son máximas que se cumpren dentro de En la falda de la bailadora, a última publicación da administración local que sae á luz coa colaboración da Deputación da Coruña e que será presentada no Mosteiro este mesmo sábado, 18 de febreiro, ás 18:30 horas, nun evento onde estarán presentes o alcalde de Ares, Julio Iglesias; a presidenta da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, Celsa Formoso, e a autora do limiar da reedición, Rita Peinado.

O acto porá a disposición da veciñanza unha obra singular, escrita polo lugareño xa falecido Carlos Rodríguez Cartelle, que serve para entender e poñer en valor o pasado da vila. Ademais, tamén é unha mostra material do traballo de recompilación e divulgación da memoria aresán que desenvolve o Concello a través da súa área de Cultura cunha constante involucración dos veciños e veciñas, axentes fundamentais para lembrar a historia común da localidade.

En palabras do alcalde do municipio, Julio Ignacio Iglesias, a reedición “materializa unha publicación considerablemente relevante, pois só co coñecemento e a comprensión do pasado poderemos seguir avanzando no proceso de construción do noso futuro”. E é posible, entre outras cousas, pola disposición de Francisco Javier Rodríguez “Maxi”, fillo do finado autor, e de Genaro Vila, veciño de Cervás, que foi receptor dun dos libros orixinais e emprestou o manuscrito para que o Concello traballase sobre el.

Para Alma Barrón, concelleira de Cultura, o Concello é xa un “cooperador necesario na tarefa de lembrar e contar a nosa historia; Ares ten a fortuna de ser protagonista de moitos acontecementos históricos destacados da comarca, de Galicia e ata de España, pero é un protagonismo que carecería de valor se non puidesemos recollelo e transmitilo ás novas xeracións”.

Tras a presentación deste sábado, En la falda de la bailadora estará dispoñible en formato dixital na páxina web municipal, www.concellodeares.gal, e haberá varios exemplares físicos para préstamo na biblioteca municipal de Ares.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Mestra no Concepción Arenal da Habana, primeira muller en ocupar a Vicepresidencia da Sociedade Fillas de Galicia creada para defender ás emigrantes galegas de calquera abuso e participante no I Congreso de Mulleres de Cuba de 1923, Andrea López Chao foi unha desas referentes que loitou por avanzar na sociedade do século XX.

A súa defensa do sufraxio feminino e da igualdade entre homes e mulleres expoñen a importancia de homenaxeala, xusto como se fixo o domingo pasado