O SendAres propón unha nova ruta circular pola costa de Ares o vindeiro 15 de novembro

Comparte esta nota de prensa

O programa de sendeirismo SendAres continúa a súa programación cunha segunda saída que permitirá descubrir algúns dos enclaves naturais e paisaxísticos máis destacados do municipio. A actividade terá lugar o domingo 15 de novembro, cun percorrido circular de 11 quilómetros entre Ares, Cervás e Lubre.

A ruta partirá ás 9:00 horas da Praza da Igrexa de Ares, desde onde as persoas participantes se dirixirán cara á costa, pasando pola Punta do Castelo, as calas de Estacas e A Barrosa, o miradoiro do Blue Star e o Castro de Santa Mariña, ata chegar á Cova dos Mouros. O regreso realizarase polo interior, atravesando Lubre, ata completar o percorrido no punto de partida, arredor das 13:00 horas.

O itinerario presenta unha dificultade baixa, cun desnivel de 100 metros (+/-), e un prezo de inscrición de 5 euros.

As inscricións abriranse mañá, mércores 4 de novembro, a través da páxina web municipal, mediante o trámite telemático habilitado para a actividade, ata completar as 25 prazas dispoñibles.

Como novidade, esta ruta e as dúas seguintes que tamén discorrerán polo municipio de Ares permitirán a participación de mascotas acompañando as súas persoas propietarias. Os animais deberán permanecer baixo o seu control durante todo o percorrido e as persoas responsables deberán contar cun seguro de responsabilidade civil (RC) que cubra os posibles danos ou incidencias derivados da súa participación, asumindo a responsabilidade correspondente.

Con esta iniciativa, o SendAres continúa promovendo os hábitos de vida activa e achegando o sendeirismo á veciñanza, combinando o exercicio físico co descubrimento e a posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico de Ares.

Pódeche interesar