O VeraneAres Deportivo comeza cos seus campamentos urbanos e as primeiras sesións de grappling

Comparte esta nota de prensa

O núcleo urbano da vila acolleu esta mañá o inicio oficial da programación relacionada co VeraneAres2022 promovido pola área de Deportes do Concello, simultaneando a posta en marcha dos campamentos urbanos, no pavillón polideportivo municipal, e a programación de “Xuventude Activa”, nesta ocasión no Casino de Ares.

Por unha banda, os campamentos urbanos actuarán coma un recurso básico na conciliación das familias dos estudantes de primaria (de 6 a 12 anos), cun aprendizaxe de valores centrado na convivencia, o respecto e o coñecemento da contorna, pois parte das actividades serán en parques, xardíns e praias do casco urbano. Os campamentos complementarán tamén a actividade diaria do ConciliAres, da Concellaría de Igualdade e Benestar, outorgando así entre ambos servizos unha ampla oferta de conciliación dos coidados ás unidades familiares.

Por outra banda, as sesións de grappling impartidas esta mañá e inscritas dentro da planificación de “Xuventude Activa” achegarán á mocidade (maiores de 12 anos) unha primeira toma de contacto con esta tipoloxía de deporte. Mais o programa municipal de Xuventude Activa propón tamén outras tantas actividades relacionadas coas novas tecnoloxías (modelado 3D e manexo de drons), o eido náutico (kaiak, paddlesurf) ou o tenis de mesa.

A información deste VeraneAres Deportivo 2022 está xa dispoñible na páxina web municipal, accedendo á seguinte ligazón:
http://www.concellodeares.com/ampliaconvocatoria.php?cod=1123.

Pódeche interesar