Tarabela Creativa estará no salón de actos da Alianza Aresana o venres, 20 de decembro, ás 20:00 horas, para representar este espectáculo con música en directo, moito humor e estética de vaqueiros.
Carmen ‘Lingua Afiada’ Conde e Su Garrido ‘Guitarra Lenta’ Pombo aterrarán en Ares cun espectáculo moi particular: un ‘western’ que narra as historias e melodías do Noroeste de Galicia, as formas que teñen os galegos e galegas de buscarse a vida, enfrontarse aos conflitos e explorar o territorio, todo aderezado baixo unha estética das películas de vaqueiros.
O espectáculo, organizado pola Concellaría de Cultura no marco da Rede Cultural da Deputación da Coruña, celebrarse o venres, 20 de decembro, ás 20:00 horas no salón de actos da Alianza Aresana para un público maior de 16 anos.
Así, incorporando unha base sonora con voz, pandeireta, guitarra e loops, Tarabela Creativa levará aos espectadores a cabalo entre o Salvaxe Oeste americano e o Feroz Noroeste Galego, sen esquecerse do humor negro, o surrealismo e a emotividade. Dispararán indiscriminadamente as súas historias, atracarán coa súa guitarra e farán rir coa narración oral nesta proposta tan singular.