A igualdade de xénero non só é un dereito humano fundamental, senón que é un dos fundamentos esenciais para construír un mundo pacífico, próspero e sostible, tal e como indica a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Son moitas as sociedades que recoñecen formalmente este dereito, pero é imprescindible que a igualdade traspase a formalidade e se exerza de maneira real e efectiva en tódolos ámbitos da vida.
Para elo, elaborouse o IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes do Concello de Ares (2022 – 2026), unha folla de ruta, que vén dar cumprimento ao mandato establecido pola nosa lexislación aos poderes públicos de adoptar as medidas necesarias para acadar a
igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Aínda así, a pesar dos numerosos regulamentos xurídicos e dos avances acadados nos últimos anos, a igualdade aínda non é unha realidade.
Esta desigualdade imperante en todos os ámbitos e niveis da vida privada e pública, fundaméntanse en roles, estereotipos e prexuízos de xénero que se entroncan na familia, na educación, nos medios de comunicación, no mundo laboral, etc. Combater esta realidade implica realizar cambios estruturais importantes que promovan unha cidadanía crítica e consciente que permita unha transformación social radical.
Deste xeito, o IV Plan de Igualdade do Concello de Ares pretende ser unha guía que, de xeito operativo e realista, permita orientar aos diferentes departamentos municipais e axentes sociais, cara a incorporación dunha mirada de xénero no seus ámbitos de actuación que favoreza o pleno exercicio dos dereitos de cidadanía das mulleres e o seu acceso en condicións de igualdade aos distintos ámbitos da vida social, laboral, educativa, cultural, política e económica.