Preto de 2.800 persoas achegáronse ao longo do ano pasado á Casa da Xuventude para socializar, xogar, formarse ou ver arte

Comparte esta nota de prensa

O Concello vén de publicar hoxe o balance anual do edificio público cos datos que atinxen a 2022, un documento no que se recolle o fluxo de visitantes dende xaneiro ata decembro.

Os picos de maior número de visitantes déronse nos meses de xullo e agosto, coincidindo co momento onde Ares recibe ao turismo estival, e cunha predominancia do rango de idade que vai dende os 11 aos 15 anos.  

O persoal técnico encargado da Casa da Xuventude, o edificio municipal situado na Praza da Constitución de Ares, difundiu esta mañá os datos de visitantes que recolleu dende xaneiro ata decembro de 2022; un ano marcado pola volta ás dinámicas prepandemia e no que a Casa da Xuventude exerceu coma un espazo onde a cultura e a tecnoloxía se deron a man.

Así, obsérvase que os meses de maior tránsito, xullo e agosto, saldáronse con 787 e 822 visitantes respectivamente, un 57,5 % das 2.798 persoas que se pasaron polo céntrico edificio aresán. Ademais, cos datos dispoñibles tamén é posible coñecer que rango de idade predomina entre os usuarios da edificación. Nese senso, os menores de entre 11 a 15 anos configúranse coma o público que máis a visita en practicamente os doce meses do 2022, seguido despois polas crianzas de 0 a 10 anos.

E máis aló dos rexistros, a Casa da Xuventude volveu a ser un dos principais lugares para que mocidade e veciñanza puideran aprender, xogar, socializar e mesmo desfrutar da cultura. De feito, o terceiro andar do edificio conta cunha das salas que máis se escolleron para a posta en marcha de varias exposicións baseadas en diferentes disciplinas artísticas, permutando dende o eido pictórico ao fotográfico ou escultural e achegando unha variada oferta cultural expositiva.

Tamén se pode falar deste espazo municipal dende un sentido formativo; a Casa da Xuventude de Ares é o epicentro, tanto en verán coma en inverno, de obradoiros que se relacionan coas novas tecnoloxías na súa Aula CeMIT: os cursos de informática básica e ofimática, iniciación ao emprego do teléfono móbil ou o obradoiro de modelado 3D organizados polo Concello son mostras da vontade educativa que acolle esta infraestrutura pública.

Entre outros usos xa comúns, recuperados en 2022, o persoal técnico municipal insistiu na idea de que é o lugar onde acudir cando existan dúbidas nalgún dos procesos telemáticos do Concello, como ben pode ser inscribirse en actividades municipais ou obter información sobre outros trámites dixitais nos que haxa dúbidas.

NOVOS HORARIOS DENDE O 1 DE FEBREIRO ATA VERÁN

Xunto coa publicación do balance do ano pasado, a Casa da Xuventude trae novidades mesmo no que respecta ao seu horario de apertura dende onte, 1 de febreiro, ata o verán: estará aberta e a disposición da veciñanza de luns a venres, baixo un horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas e, pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,