‘Que sabemos de drogas?’, a nova proposta divulgativa da Academia AresXSalud para pechar o mes de marzo

Comparte esta nota de prensa

  • A educadora social en ASFEDRO Rebeca Graña Torralba, con experiencia en programas orientados á reducción dos riscos do consumo recreativo de drogas, achegarase até o salón de actos da Alianza Aresana o vindeiro venres, 28 de marzo, ás 19:00 horas.
  • A entrada é totalmente libre, especialmente destinada a pais e persoas que traballen con pequenos e adolescentes en centros educativos, actividades extraescolares, clubes deportivos…

A Alianza Aresana acollerá a quinta charla divulgativa da Academia AresXSalud, o programa educativo do Concello para aprender a incorporar hábitos saudables no día a día. ‘Que sabemos de drogas?’ é o título da próxima ponencia do venres, 28 de marzo, ás 19:00 horas.

Coa intervención de Rebeca Graña Torralba, educadora social en Asfedro dende 2008 e Técnica Superior en Animación Sociocultural, realizarase un percorrido da información xeral sobre drogas á que ten acceso a veciñanza, os procesos de comunicación e acompañamento familiar e como se pode supervisar e detectar as sinais de risco no consumo de estupefacientes.

A maiores da súa condición de educadora social, Rebeca Graña tamén conta con experiencia en dispositivos asistenciais na Comunidade Terapéutica O Confurco e é coordinadora do programa INFODROGAS na Universidade da Coruña (UDC) e A Modiño’ no Concello de Narón, ambos orientados á reducción dos riscos asociados ao consumo recreativo de drogas.

A charla destínase á poboación xeral, pero especialmente a pais e nais ou persoas que traballen cos colectivos de infancia e adolescencia nos seus distintos ámbitos, dende o educativo, o sociocultural, activdades de ocio e tempo libre para a rapazada…

O acceso é libre, sen necesidade de reserva previa, e gratuíto. Coma sempre acontece nas dinámicas da Academia AresXSalud, haberá espazo e tempo para formular dúbidas e interaccionar coa educadora social.

Pódeche interesar