Rotspanier, a última obra de Juan Galán, protagoniza a vindeira presentación na Alianza Aresana

Comparte esta nota de prensa

  • Organizarase o vindeiro venres, 13 de febreiro, a partir das 20:00 h., en conversa coa concelleira de Cultura, Alma Barrón.

 

A Alianza Aresana acollerá unha nova presentación no seu salón de actos, desta volta centrada na obra máis recente do veciño aresá Juan Galán: Rotspanier, un miliciano galego no exilio francés (1939-1945) publicada na colección de memorias da editorial Galaxia.

O acto promoverase este venres, 13 de febreiro, a partir das 20:00 h., coa presenza de Galán en diálogo coa concelleira de Cultura, Alma Barrón, para debullar as particularidades desta obra que achega luz sobre eses miles de republicanos —os Rotspanier— que fuxiron de Franco para caer nas mans de Hitler.

Galán traza así unha panorámica histórica seguindo a peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro de profesión da Pobra do Caramiñal que loitou como miliciano no Exército de Euskadi; un home que, nos primeiros compases de febreiro de 1939, cruzou os Pirineos para exiliarse en Francia, onde sería internado en campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial e forzado a traballar nas zonas controladas polo Goberno de Vichy e, posteriormente, nas áreas ocupadas polos nazis.

Unha historia, a súa, que tamén viviron outros tantos españois durante a primeira parte do século XX.

SOBRE O AUTOR

Juan Galán (A Coruña, 1961) estudou Filoloxía Inglesa na USC e exerceu como profesor de inglés na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. Na súa faceta de escritor publicou obras de ficción como Romanza de los naranjos en flor (2021), El eco de tu voz (2022) e Las tribulaciones de Bruno Lamas (2023). É investigador da memoria republicana de Galicia e vogal da xunta directiva da Asociación de Memoria Histórica Democrática de Ferrolterra.

Colabora en diversas revistas e no Diario de Ferrol, onde conta cunha sección dedicada á memoria histórica democrática. Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés: 1939-1945 é o seu primeiro traballo de investigación histórica.

Pódeche interesar