- Este pasado venres recolleu o recoñecemento nas instalacións da Alianza Aresana, xunto cos 150 euros para investir no comercio de proximidade da vila como galardón económico.
- A súa creatividade gráfica, que parte dunha figura de dúas persoas apertándose como xeito de representar o espírito de axuda colaborativo, pasará a representar á Mesa en todos os soportes de comunicación que empregue: dende redes sociais a cartelería ou documentación oficial.
A Mesa de Saúde Local entregou este pasado venres o premio do seu concurso de deseño de logotipo, un certame impulsado para obter unha creatividade que contribuíse ao posicionamento e recoñecemento deste organismo na comunidade aresá.
Despois das deliberacións do xurado, a proposta galardoada foi a de Sara Rivas Couce, que recibiu o recoñecemento das mans de Victoria Montenegro, concelleira de Igualdade e Benestar, incluíndo os 150 euros a investir no tecido comercial de Ares.
O seu logotipo expón unha figura simbólica de dúas persoas apertándose como “forma de representar o espírito de axuda colaborativo e comunitario que define á Mesa de Saúde Local”, sabendo que entre os seus principios está o de traballar conxuntamente, en rede, para identificar necesidades reais, deseñar propostas e compartir recursos para mellorar a saúde e o benestar da poboación local aresá.
Ademais, a proposta de Sara Rivas inclúe “unha paleta de cores onde adquire protagonismo a luminosidade do amarelo, que remite á calidez e proximidade, cualidades fundamentais nos procesos de acompañamento e apoio de toda acción comunitaria”, segundo as explicacións da gañadora. A utilización de tons suaves no azul tamén reduce o contraste visual e favorece unha imaxe amable, equilibrada e non-agresiva, xunto co branco.
A orixinalidade e creatividade, a lexibilidade do logotipo, a aplicabilidade en distintos formatos e a adecuación aos valores da Mesa e REGAPS foron os criterios que se tomaron como base dende o xurado para seleccionar o deseño de Sara Rivas.
Dende agora en adiante, o logotipo servirá como imaxe identificativa da Mesa en todos os soportes de comunicación analóxicos ou dixitais que empregue, dende cartelería a redes sociais, materiais divulgativos ou documentos oficiais.




