- Os autores do volume estarán na Alianza Aresana o vindeiro xoves, 23 de abril, ás 19:30 h., en conversa coa concelleira de Cultura, Alma Barrón.
O doutor en Historia Contemporánea Xurxo Antelo e o profesor titular do Departamento de Historia Daniel Lanero, ambos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), presentarán en Ares a súa última publicación, «Más vale fortuna en tierra que bonanza en la mar»: franquismo e vivenda social para pescadores en Galicia (Edicións Trea, 2025).
O acto, que contará coa presenza da edila de Cultura, Alma Barrón, realizarase este xoves, 23 de abril, ás 19:30 h., e permitirá afonar neste libro que achega o seu gran de area ó coñecemento da vivenda social que se edificou durante o franquismo para os mariñeiros.
Mais o volume non só fica aí, pois a vivenda é un fío condutor dun obxectivo maior: recuperar e poñer en valor a memoria laboral, social e política deses mariñeiros, das súas familias e comunidades, a través da reconstrución das súas historias vitais.
Por iso o volume trata asuntos como a vida cotiá, as experiencias laborais dos homes e mulleres dos sectores pesqueiros ou os lugares de sociabilidade que tiñan, ao tempo que analiza a intervención do rexime de Franco nas súas condicións materiais: xestión dos ingresos, formación, vivenda familiar, control do tempo de ocio…

