- O alcalde da localidade, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, achegáronse ata o inmoble do século XVII, que está a vivir un cambio substancial cos traballos financiados entre ambas entidades cun investimento total de 189.465,50 euros, IVE incluído.
- As obras de acondicionamento actuaron sobre as tabiquerías en planta baixa, a carpintería exterior e interior, o sistema de electricidade e iluminación, a calefacción, os pavimentos… e ata permitiron gañar en superficie útil dos 171,13 metros cadrados iniciais en planta baixa aos 277,09 m2 despois da obra, coa construción dunha media planta.
- Xunto coa visita institucional, Deputación e Concello asinaron un convenio para impulsar as futuras obras na contorna do Club de Tenis de Redes, coa construcción de nova planta dun ximnasio, uns vestiarios e unha sala de usos múltiples para desfrute tanto dos seus socios como da veciñanza de Ares, con especial énfase na da parroquia de Caamouco.
A Reitoral de Ares avanza cara a súa recuperación para usos múltiples, dende o eido cultural ao social, grazas á reforma integral que se está a executar no seu interior. Unha intervención de acondicionamento fundamental para poñer en valor un inmoble do século XVII ao que se achegaron esta mañá o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, como representantes das dúas institucións involucradas no proxecto de rehabilitación do edificio.
Así, as autoridades, entre as que se incluían as concelleiras do grupo de goberno Lucía Blanco; Olimpia Marcos; José Juan Vilar; Victoria Montenegro e Luis Cendán comprobaron o estado das obras, que se atopan moi avanzadas e contan coa previsión de rematar xa nas vindeiras xornadas.
Os traballos, financiados con cargo ao POS+2024 da Deputación (146.774, 45 euros) e as arcas municipais (cun investimento de 42.691,05 euros), non só reacondicionaron o interior: tamén ampliaron a superficie útil do edificio, ao incorporar unha media planta no primeiro andar e pasar dos 171,13 metros cadrados do inicio aos 277,09 m2 actuais.
UN EDIFICIO DE GRAN INTERESE PATRIMONIAL
A reforma interior da Reitoral supón continuar no camino da dignificación deste inmoble incluido no catálogo de bens protexidos por Patrimonio, e no que se conserva un patín de entrada con escaleiras, un elemento que outorga especial singularidade, pois é unha das tres edificacións en todo Ares que conta cun patín destas características, xunto coas instalacións do Xuzgado e da Casa da Xuventude, ambos de titularidade municipal.
O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, salientou durante a visita “a aposta que fixemos pola mellora deste espazo dende o goberno local: primeiro executamos o seu desescombro, logo traballamos sobre a envolvente e o pintado da fachada e agora xa o recuperamos como equipamento municipal para o desfrute da veciñanza. E todo isto sen esquecernos da súa contorna, pois tamén creamos en lexistlaturas previas un aparcamento público, totalmente de balde, anexo á Reitoral”.
A inminente finalización da reforma exemplificará, en palabras do rexidor, o “compromiso mantido no tempo para recuperar o seu esplendor e abrilo á cidadanía”. E, de feito, “xa temos adxudicada a pintura exterior que se executará nos vindeiros meses”, informou Julio Ignacio Iglesias Redondo.
Pola súa parte, Valentín González Formoso fixo fincapé en que “en Ares sempre hai proxectos e retos novos, en todos os eidos, e a Deputación tamén se esforza en contribuír a cumprilos”, aludindo aos 15,6 millóns de euros que investiu a entidade provincial na última década, a través dos instrumentos como o POS ou as axudas directas que formaliza co Concello.
SINATURA DE CONVENIO PARA MATERIALIZAR NOVAS INSTALACIÓNS DE XIMNASIO, VESTIARIOS E SALA DE USOS MÚLTIPLES NO CLUB DE TENIS DE REDES
No marco da visita á localidade, o presidente da Deputación e o alcalde de Ares tamén asinaron no consistorio do municipio un novo convenio de colaboración entre as dúas institucións que permitirá dotar á contorna do Club de Tenis de Redes, previa cesión dos terreos por parte desta entidade deportiva, dunha nova sala de usos múltiples, un ximnasio e vestiarios tanto masculino coma femenino.
Executaranse así unhas instalacións básicas para reforzar a actividade deportiva e social que se produce na contorna, e que se porán a disposición dos socios do Club de Tenis, que poderán empregalo no seu día a día, mais tamén a toda a veciñanza que desexe empregar este novo equipamento público, dinamizando así a vida sociodeportiva de Caamouco.
O investimento para facer realidade as instalacións ascenderá a case 258.000 euros, IVE incluído, dos cales a Deputación asumirá 150.000; o Concello, un importe doutros 50.000 euros e o restante, polo propio Club de Tenis de Redes.
A maiores, o acto desta mañá incluíu a entrega de vehículos para dúas entidades da vila dende a entidade provincial, reforzando a flota dispoñible do Club Náutico Ría de Ares e o Club de Remo, coa presenza do deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, e tamén do voceiro do BNG, Faustino Seco.



















