- O proxecto de remo adaptado, que na actualidade conta con 13 mulleres afectadas por cancro de mama ou de ovario, continúa a desenvolverse con dúas saídas á semana á ría —sempre que a climatoloxía así o permita— e coa vontade de contribuír á mellora física e psicolóxica das súas participantes.
- O Club de Remo de Ares, o Concello e a Universidade de Sevilla (US) proseguen a sumar esforzos nesta iniciativa, pioneira en Galicia e iniciada en 2022.
A imaxe pode verse, coa chegada do bo tempo que augura a primavera, un par de veces á semana: as Sereas das Mirandas sucan a ría a bordo do seu catro de mar, a embarcación que empregan para a súa actividade de remo adaptado aos condicionantes do proceso oncolóxico. De feito, as Sereas mesmo se achegan ás illas das que reciben o seu nome, procurando ao animal mitolóxico co seu canto, ao tempo que desfrutan desa sensación de liberdade que transmiten as ondas mariñeiras.
Na actualidade, trece son as mulleres afectadas por cancro de mama ou de ovario que conforman este equipo de remo pioneiro en Galicia, ao ser o primeiro proxecto centrado na rehabilitación física e na recuperación mental de persoas que están inmersas nun proceso de diagnose e tratamento oncolóxico dentro do territorio autonómico.
Unha iniciativa, a das Sereas das Mirandas, que se constrúe grazas ao esforzo conxunto do Concello, do Club de Remo de Ares e da Universidade de Sevilla (US), a través da coordinación do profesor e investigador Juan Gavala, e que tece unha rede de apoio entre as persoas afectadas por esta tipoloxía de doenza, aproveitando que o remo é unha das disciplinas físicas máis recomendadas e estudadas para mulleres que están a pasar ou pasaron por un diagnóstico de cancro de mama.
Coa climatoloxía a favor, as Sereas gozan das saídas ao mar, mais a actividade non cesa se o vento ou a ría non están en condicións para remar, pois tamén inclúen adestramentos en sala centrados no mantemento corporal, na flexibilidade e na adquisición de forza con pequenas cargas, guiadas polo equipo adestrador composto por Emma Plana e José Ramón Montero ‘Tombo’.
OS BENEFICIOS DO REMO ADAPTADO
Coa mirada posta nos beneficios físicos desta práctica deportiva, o remo adaptado actúa como unha “bomba” que axuda a facer circular o líquido linfático, ao tempo que fortalece a musculatura grazas ao movemento rítmico e á contracción muscular que require.
A propia técnica do remo contribúe á recuperación da flexibilidade perdida na cirurxía do cancro de mama e, do mesmo xeito, ao ser un exercicio aeróbico ao aire libre, as persoas que o practican combaten a perda de densidade ósea provocada polos tratamentos hormonais e tonifican o corazón sen impacto articular.
Mais os cambios non só se producen no eido físico, senón tamén na saúde mental das propias participantes no proxecto: as aprendizaxes, os momentos compartidos, a conexión coa natureza e o humor como ferramenta de impulso teñen os seus propios efectos terapéuticos no corpo e na mente.
É así como as Sereas das Mirandas constrúen un acompañamento e apoio mutuos que fan xustiza ó seu lema: “nunca bogarás soa”. E reman, semana tras semana, alén das lendas!









