SEREAS DAS MIRANDAS EQUIPO DE REMO

Comparte este evento

As Sereas das Mirandas é o nome baixo o que se inscribe o primeiro equipo galego de remo adaptado dirixido a mulleres que padeceron un cancro de mama. A iniciativa centralízase no municipio de Ares e conta co traballo coordinado do Concello da localidade, o Club de Remo e a Universidade de Sevilla (US).

O equipo desexa converterse nun proxecto de rehabilitación física e psicolóxica que bebe das investigacións realizadas polo doutor Juan Gavala na US, amosando os beneficios que proporciona o deporte, adaptando os exercicios, movementos e a intensidade ás particularidades do cancro de mama.

OS BENEFICIOS

As Sereas das Mirandas baséanse nos resultados cuantificados e testados no grupo de mulleres que integran as Leonas do Guadalquivir, xa con varios anos de práctica deportiva de remo adaptado. Dende a Universidade de Sevilla, a través dos estudos de Juan Gavala, expóñense os seguintes beneficios:

1. Aumento da flexibilidade e a forza (incluso no brazo afectado pola ciruxía)
2. Mellora da composición corporal
3. Mellora da capacidade cardio-respiratoria
4. Mellora do estado anímico, da autoestima e da saúde mental

OS PRINCIPAIS OBXECTIVOS

  • PROMOVER O ACCESO Á PRÁCTICA DEPORTIVA A partir dun conxunto de exercicios adaptados e debidamente supervisados, é posible acceder ó remo e recuperar o deporte como unha actividade fundamental no día a día. As Sereas das Mirandas queren botar unha man facilitando o seu acceso.
  • AXUDAR NO PROCESO DE RECUPERACIÓN DO CANCRO DE MAMA
    A instauración dun hábito saudable como é o exercicio do remo reporta unha considerable cantidade de beneficios que resultan claves na recuperación de corpo e mente tras os tratamentos de quimio e radioterapia.
  • CONSTRUÍR UN ESPAZO DE APOIO
    A elección dun deporte de equipo, colectivo, implica tamén ir moito máis aló da mellora física: supón unha oportunidade para compartir experiencias dentro dunha rede que aporta outros elementos distintos aos que pode proporcionar un experto de remo ou oncólogo.
  • LOITAR CONTRA A ESTIGMATIZACIÓN DA DOENZA
    A posta en marcha desta tipoloxía de proxectos conleva unha ruptura da concepción tradicional do cancro de mama, a que precisamente impide levar a cabo actividades en realidade factibles cunha correcta supervisión e execución, como é o caso do remo.
  • INSCRICIÓNS
    Para sumarse ás Sereas das Mirandas, é preciso realizar unha inscrición previa vía telemática cubrindo o seguinte formulario: https://forms.gle/7fXemJApvSe22jxTA. Despois da inscrición, contactarase coa persoa interesada para achegar información sobre os seguintes pasos administrativos que deberá realizar.

Os horarios para a práctica desta actividade durante o mes de agosto de 2022 serán os martes e xoves, de 10:00 a 13:00 horas, cun custe mensual de 19,52 euros, segundo o prezo estipulado pola ordenanza municipal. De igual maneira, necesitarase asociarse ao Club de Remo de Ares para a participación no equipo.

Habilitaranse 15 prazas iniciais dentro das Sereas das Mirandas, dando prioridade ás persoas que padeceron ou padezan algunha patoloxía oncolóxica.

Pódeche interesar...