O pasado venres levouse a cabo o peche oficial do concurso de tapas “Degustares” 2023, organizado pola Concellería de Comercio de Ares.
O obxectivo principal deste concurso foi incentivar o consumo local e dinamizar o tecido hostaleiro do municipio. En total, 69 participantes completaron adecuadamente o roteiro e outorgaron as máximas puntuacións aos tres locais finalistas, que recibirán vales para investir no comercio de Ares por un total de 1.100 euros
O primeiro premio, valorado en 500 euros, foi outorgado ao local “Tarrafa” pola súa tapa de “Bacallau con Ali Oli e arroz negro” (545 puntos). O segundo posto, dotado de 400 euros, foi para “Casa Nova” coa súa “Croqueta de Mar” (350 Puntos) e o terceiro, cun premio de 200 euros, foi para “Yambú” pola súa tapa de “Porco Atunado” (330 puntos).
Ademais dos premios en metálico, tamén se sortearon 5 vales por valor de 100 euros para investir nos comercios aresáns entre os participantes que completaron a folla de valoracións do concurso, e un sexto bono coa mesma contía entre as persoas que asistiron ao acto de entrega de premios.
Tamén se sortearon dúas visitas con noite de hotel incluída ás adegas Valdelana, a través da colaboración de Bodegas y Vinos Ares, entre os locais hostaleiros e os participantes no concurso.
A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, entregou os premios e destacou a importancia destes eventos para a dinamización do comercio local. Así mesmo, agradeceu a implicación dos 11 locais de hostalería que participaron no concurso, así como de todos os colaboradores, anunciando a intención da Concellería de Comercio de consolidar esta iniciativa, introducindo, como foi o caso desta edición, elementos que a fagan cada vez máis atractiva.
A concelleira salientou que o DegustAres 2023“deixa un bo sabor de boca tamén en termos de participación e de promoción do comercio local”. Os premios outorgados aos locais e aos participantes incentivan o investimento no comercio da zona, o que axuda a fortalecer a economía local e a dinamizar o tecido comercial e hostaleiro de Ares, concluiu Lucía Blanco.









