O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, recibiu esta mañá ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a visita ao Centro Público Integrado (CPI) As Mirandas, con motivo da inauguración das obras de ampliación do centro educativo.
Na visita tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, membros da Corporación municipal e representantes da comunidade educativa.
Durante o acto, o titular do departamento autonómico destacou a ampliación do CPI As Mirandas como un fito para a comunidade educativa de Ares, tras unha intervención que contou cun investimento de máis de 3 millóns de euros e que permitiu dar resposta á necesidade de novos espazos no que é o único centro educativo da localidade.
“Estamos a falar dun colexio con máis de 50 anos de historia que se converteu en centro integrado nos anos 90 e no que estudan máis de 400 alumnos e alumnas desde Educación Infantil ata 4º da ESO”, sinalou o conselleiro.
Neste sentido, Román Rodríguez explicou que, aínda que ao longo dos anos se levaron a cabo diferentes actuacións e ampliacións de espazos, “a que hoxe inauguramos é a obra que dá o impulso definitivo á modernización do centro, adaptándoo ás necesidades do ensino do século XXI”.
Máis espazos e novas melloras funcionais
O programa de actuacións incluíu, ademais da ampliación do edificio, diferentes melloras funcionais destinadas a optimizar os espazos e servizos do centro.
Entre elas destaca a ampliación nun 50 % do espazo da biblioteca, así como o acondicionamento de novos aseos para as aulas de Educación Primaria.
Tamén se habilitaron novas aulas destinadas a Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e psicomotricidade, ao tempo que se reorganizaron diferentes espazos para albergar a sala de profesores, aseos e o local da ANPA.
Compromiso coa mellora da pista exterior cuberta
Durante a visita, o alcalde de Ares lembrou tamén o compromiso adquirido pola Consellería de Educación para acometer o arranxo da pista exterior cuberta, unha actuación que se desenvolverá en colaboración coa entidade local.
Trátase dun espazo de uso habitual tanto pola comunidade educativa como polo conxunto da veciñanza de Ares, que presenta na actualidade un importante deterioro e precisa dunha remodelación urxente.
Tanto o alcalde como o conselleiro coincidiron na necesidade de continuar avanzando nesta actuación e amosaron a súa confianza en que en breve poidan acometerse as obras de mellora da pista, dando resposta así a unha demanda da comunidade educativa e da veciñanza aresá.









