- A Academia AresXSaúde propón unha sesión centrada no benestar durante e tras o proceso de xubilación, analizando o cambio de roles que conleva esta etapa.
- A charla divulgativa estará impartida por Sofía Puente Saavedra e impulsarase o 27 de febreiro no CIRS de Cervás, mais precisará inscrición previa dende este xoves, día 12, no Departamento de Servizos Sociais de Ares.
Como manter un estilo de vida activo, equilibrado e co foco posto no benestar durante e despois da xubilación? Esa é a principal cuestión á que se responderá na seguinte proposta da Academia AresXSaúde neste mes de febreiro: a charla divulgativa ‘Xubilactívate!’ que organiza o Concello o vindeiro 27 de febreiro no CIRS Cervás (19:00 h.).
Coa intervención de Sofía Puente, terapeuta ocupacional con ampla traxectoria no ámbito da promoción da saúde ao longo das distintas etapas vitais, ofreceranse ferramentas prácticas para favorecer unha transición favorable cara a xubilación, sabendo que conleva un cambio de roles importante.
Ademais, explorarase o impacto que ten na saúde física, mental e emocional o paso do mercado laboral á xubilación propoñendo dinámicas que faciliten un estilo de vida activo e saudable.
A charla destínase especificamente a persoas que se atopen no último tramo da vida laboral, amais de xubilados/as recentes ou que xa leven tempo nese proceso.
INSCRICIÓNS PRESENCIAIS OU TELEFÓNICAS
Para sumarse á sesión, é preciso anotarse previamente no Departamento de Servizos Sociais (Praza da Constitución S/N) dende o 12 até o 20 de febreiro. Pódese reservar praza ben presencialmente, no horario de apertura cotián, ou por teléfono no 981 448 354.

